lunes, 10 de octubre de 2011

Celebración da SMLM: Crónica da Xornada A falar da Teta

O pasado sábado 8 de outubro celebramos en ALMA a Semana Mundial da Lactación Materna (SMLM) levando a cabo a nosa Xornada sobre lactación materna "A falar da teta". Preto de 40 adultos e 20 nenos e nenas participamos desa tarde en familia, onde falamos sobre distintos aspectos relacionados coa lactación materna.

A xornada, guiada por Eva, a nosa presidenta, comezou ás 17 h coa lectura pola súa parte do seguinte manifesto:

Dende ALMA e dende todo o movemento social a favor da lactancia materna, recoñecemos:

• Que a lactancia materna é un dereito de todas as familias.

• Que aumentar a duración do aleitamento ten efectos positivos para toda a comunidade.

• Que o apoio ás familias que elixen aleitar a seus fillos e súas fillas pasa por unha boa información, unha boa atención sanitaria, o respecto social, medidas de conciliación familiar e laboral axeitadas e tamén pola implicación de todos os seus membros.

Temos en conta:

Que a comunicación é un elemento esencial para protexer a lactancia materna e apoiar ás mulleres que aleitan.
Que arestora enos posíbel comunicarnos a través de grandes ou pequenas distancias nun intre.
Que xurdiron novos canais que permiten actualizar coñecementos e difundir información fiable e actualizada sobre lactancia materna.

Cremos que cómpre:

Traballar en rede alén do noso tempo e lugar, propiciando deste xeito o debate e o diálogo a todos os niveis e en todos os eidos.

E, polo tanto, pedimos:

• Que dende todos os ámbitos se difunda información fiable e actualizada sobre lactancia materna.
• Que as entidades, persoas e organismos comprometidas co apoio ás nais lactantes dispoñan de recursos para dar visibilidade á situación actual da lactancia e atender ás nais.
• Que as familias poidan atopar con facilidade recursos na súa comunidade que lles ofrezan información e apoio no seu desexo de aleitar.
• Que se dea visibilidade e apoio ás necesidades das familias que aleitan.


A continuación, Patricia López, achegounos unhas nocións sobre que somos e por que existimos os grupos de apoio á lactación. Falou sobre as necesidades das nais que aleitamos (información, confianza en nós mesmas, axuda práctica, apoio emocional e solucións para os problemas que poden xurdir relacionados coa lactación), que somos os grupos de apoio, que facemos e que non facemos os grupos. Destaca Patricia neste último punto que é importante que dende os grupos de apoio á lactación non xulguemos as nais que deciden levar a cabo prácticas contrarias ás que defendemos, como dar biberón ou destetar, posto que estas condutas deben ser igual de respectadas que outras menos polémicas para o colectivo do que formamos parte. Outro aspecto no que fixo fincapé é que tampouco debemos criticar aos profesionais xa que iso fará que nos convertamos en "inimigos" do sistema sanitario, cando en realidade, debemos traballar todos por un fin común. Por último, Patricia rematou dicindo que os grupos de apoio aspiramos a deixar de ser necesarios, xa que cando chegue o día en que isto aconteza, a lactación materna se terá normalizado na nosa sociedade e en xeral, todos os profesionais sanitarios serán capaces de axudar ás nais que teñan problemas coas súas lactacións.
Relatorio: Que son y por que existen os grupos de apoio. Patricia López (esquerda) e Eva González (dereita)
Despois chegou o momento da Mesa Redonda onde distintas persoas achegaron diferentes perspectivas relacionadas coa lactación. Tivemos a honra de contar cos seguintes participantes:

- Ana Sánchez (matrona) e Rosa Veiguela (enfermeira de pediatría), que falaron sobre a súa experiencia levando a cabo un programa de atención puerperal precoz no Centro de Saúde do Castrillón, grazas ao cal conseguiron elevar a taxa de lactación da zona. Explicaron como esa experiencia lles permitiu ver que as mulleres puérperas necesitaban estar con outras iguais e así puxeron en marcha un taller posparto para nais e bebés que foi a escusa perfecta para ese fin.

- Pau, pai dun neno de dous anos e medio e marido de Noelia, presidenta e asesora de Teta e Coliño, falounos sobre o que supuxo para el a paternidade e cal é o seu papel na lactación do seu fillo.

- Carmen Chans, falounos como nai das dúas experiencias vividas cos partos e as lactacións das súas dúas fillas, que se levan 19 anos entre elas.

- Inés Carballo, profesora do instituto de formación profesional Tomás Barros, leunos o relato co que participou no concurso "A falarTeta", e nos contou como a lactación da súa filla Uma se convertera en algo cotián no seu centro de traballo, apoiada por alumnos e compañeiros.

- Patricia López, asesora e presidenta de Bico de Leite, aportou a súa visión sobre o papel dos grupos de apoio na lactación, repasando algúns dos aspectos xa mencionados no seu relatorio.

Mesa redonda: Presente e futuro da lactación materna
De dereita a esquerda: Inés, Carmen, Pau, Eva, Patricia, Ana y Rosa
As interesantes achegas da mesa deron pé á participación do público, grazas á cal afondamos un pouco máis en aspectos tales como o día a día de Inés e Uma no instituto, o papel de Pau na lactación do seu fillo Pau, e aquelas cousas que non debemos facer dende os grupos de apoio.

Ademais, Noelia e Amalia, dúas das participantes do concurso, compartiron con todos os asistentes a lectura dos seus relatos, ao igual que o fixeron as catro finalistas.

Finalmente, fixemos entrega dos premios do concurso de relatos, cuxas gañadoras foron as seguintes:


1º Premio: Susana Ferreiro Mediante, por “BRANCO”.
2º Premio: Cristina Cubeiro Becerra, por “CARACOL”.
3º Premio: Irma González Souto, por “CABALGAMOS”.
Accésit por cortesía de Arkhé, Espacio Educativo: Cristina Villarino Costa ,por “A TETA CAMBIOUNO TODO”.

Finalistas do concurso de relatos. De dereita a esquerda: Patricia López (recollendo o premio de Susana Ferreiro), Cristina Cubeiro, Eva González (moderadora), Cristina Villarino e Irma González

Grazas a Sabela Orgueira Viqueira, artista que elaborou as cerámicas conmemorativas que recibiron as premiadas, todas as participantes no concurso obtiveron tamén un precioso recordo: un colgante co logotipo d concurso donado pola sú creadora.
Premios y detalles elaborados por Sabela Orgueira









E por último, sorteamos a mochila portabebés Manduca donada para a ocasión por Crianza Natural.

Foi unha tarde marabillosa onde puidemos aprender, compartir, charlar, intercambiar opinións, escoitar historias de lactacións...

Mentres tanto, os máis pequenos (e algúns papás) gozaron, acompañados por dúas educadoras, durante máis de tres horas de xogos e talleres na sala habilitada para iso xunto ao salón de actos do centro cívico onde se celebrou a xornada.
Sala de xogos para grandes e pequenos


Grazas a todos os relatores que participaron na xornada, a toda a xente que asistiu como público, a todas as que axudastes co voso traballo a organizar o evento, ás entidades e persoas que colaboraron subvencionando o proxecto asi como doando premios e regalos, e en especial, grazas a todas as nais que participastes no concurso de relatos compartindo con todos nós as vosas historias de lactación porque as vosas palabras foron a semente que deu lugar a todo o que veu despois.

2 comentarios: