viernes, 30 de septiembre de 2011

LEMBRANZAS DA LACTACIÓN: LUCES NAS TEBRAS


Animada polo Grupo de Apoio á Lactación Materna de Os Rosais, atópome aquí, outra vez no medio da noite, decidida a achegar o meu graniño de area aos ánimos colectivos co que poida lembrar da miña experiencia de lactación co meu fillo. 
Con estrañeza, hai xa sete anos de todo isto, áchome revivindo unha morea de sensacións. Verdadeiramente cáusame estrañeza, pois, dun tempo a esta parte, a miña memoria parece ter marchado de vacacións. Din que é por ter moitas cousas na cabeza. Que é unha doenza de nais hiper-ocupadas. Así e todo, parece que certas cousas non as esquecemos e apetéceme pensar que son as importantes de verdade. Aquelas que forman parte de nós con mais dereito e naturalidade. Quizais por estar cinguidas de sentimentos poderosos que xorden de moi dentro.
Lembro de xeito especial as tomas nocturnas. Estaban tinguidas de maxia. Miguel veu ao mundo en xaneiro. Albiscábase o inverno e a friaxe no exterior. No interior da casa reinaba un calorciño agradable. A escuridade e o silencio arrodeaban o circuliño de media luz laranxa no que estabamos meu fillo e mais eu. Proviña dunha lampadiña con forma de peixe que creaba esa burbulliña de luz tenue que nos contiña aos dous e semellaba flotar sobre o mundo.
Tirando do fío, vénme á mente o sentir da soidade. Soidade con quietude e sosego, os dous xuntos alleos ao resto do mundo. Soidade desesperanzada, horrible, nos momentos de perda de un do outro. Sentíame tremendamente impotente cando non era quen de calmalo.  Ás veces, enlazabámonos nunha crecente e contaxiosa espiral de nervios. Sen embargo, os bos momentos, que bos eran! que plenos de tranquilidade e agrado! Dunha satisfacción absoluta.
Rememoro a necesidade urxente de estar ó seu carón. Pasábao realmente mal cando tiña que afastarme del. Tiña a sensación de ter unha parte do meu ser noutro lugar. Era estraño e moi desacougante.
E que dicir do poderío? Poder tranquilizalo co meu corpo, co meu leite, co meu olor. Non poderemos atopar algo máis grandioso.
A pesar do cansazo, quizais axudada por el, o desfrute da quietude, do seu corpiño quente arrexuntadiño ao meu. A súa boquiña no meu peito. O meu abraio ante a súa grande sabedoría: nada máis nacer xa sabía mamar, procurábase o seu alimento. Tan pequerrecho e tan sabio! E contacta comigo dun modo total!. Creo que é unha das maiores satisfaccións da miña vida. Non me atrevo a dicir que é a maior, a máis intensa, por un indicio de prudencia.
Ás veces, quedábase durmidiño nos meus brazos cun pouquiño de leite nos seus beizos sorrintes. Outras, remataba a toma esperto e sorría. Eu collíao un pouco en alto, meus ollos nos seus. O seu ollar era incrible: ollos brillantes, alegres, cheíños de expresión. E aí caiamos nun feitizo: o seu ollar e o meu eran os extremos dun vieiro no aire. E este carreiriño estaba feito de ledicia, de amor, de luz. Unha certeza de unión suave á vez que firme e segura. Tiña a consciencia de vivir un momento sublime. Meus ollos nos seus, os seus olliños nos meus. O noso mutuo recoñecemento íntimo.
Sentía, de maneira nítida, que formaba parte harmónica do universo. Estaba en paz co orbe. Quería a miña familia, aos meus amigos dun modo intenso.  Todo estaba no seu xusto lugar, onde é  bo que estea.
Evoco a sensación de non existir o tempo, quizais algo así é a eternidade. Era un tempo máis denso, tiña outro discorrer. Tempo redondo e pleno, lento, transparente. Tempo co meu meniño no colo, acollido, albergado, unha man no meu costado e a outra no meu peito. Tempo de ledicia e pracer de ámbolos dous.
A nosa lactación non sempre foi doada. Mais penso que as nosas dificultades terían sido maiores de non ter contado con ela. Tamén lamento intensamente non ter sabido o que agora sei para poder aproveitala máis. Non ter tido a man, por exemplo, un grupo de apoio á lactación. Que envexa sa vos teño!
Animo a todas as nais a gozar da lactación. Non teño palabras axeitadas, síntome torpe nos meus intentos de expresión. Sinceramente podo dicir que me gustou moito dar de mamar ao meu fillo. Sinto que temos moita sorte e que debemos aproveitala ao máximo, nun mundo que non sempre fai xustiza ás cousas fermosas da vida.

Migueliño é unha rosa,
Migueliño é un caravel,
Migueliño é un espello
Súa nai mírase nel
(Canción popular)

Victoria

UMA E A TETA


Uma, de 21 meses, ten cita hoxe no pediatra. Chegamos cedo e o ambiente está tranquilo, non hai xente. Matamos o tempo xogando e pescudando os carteis da sala de espera... ata que a Uma chámalle a atención un e o sinala. É a foto dunha muller aleitando a un bebé... supoño que lle chamará a atención porque non é habitual ver fotos de bebés ó peito. O cartaz chama tamén a miña atención e leo a información: “A falar da teta” concurso de relatos sobre lactación materna.
Ó chegar á casa lembro o cartel e penso que escribiría eu se fixese un relato sobre a miña experiencia dándolle o peito a Uma, e un montón de lembranzas chegan á miña cabeza. Lembro as inevitables e ás veces indiscretas preguntas durante o embarazo: o parto, con ou sen epidural? xa tes a bolsa lista? mercaches xa todo? vaslle dar o peito?... e era esta última pregunta a que me resultaba particularmente estraña. Non contaba con moita información sobre o tema pero, tampouco considerara outra opción. Quizá o feito de levarme nove e dezaseis anos coas miñas irmáns e ver o seu aleitamento dun xeito natural e sen tabús influía no meu xeito de velo... aínda así non lle din demasiadas voltas ó tema, e tomei por premisa no embarazo decidir as cousas ó seu tempo, e ese momento aínda estaba por chegar... e chegou. Chegou o momento do parto, eu estaba tan cansa que apenas acertaba a darlle a benvida á pequena que tiña nos brazos... pero unha agradable e profesional matrona situouna ó carón do meu peito cando aínda non sairamos do paritorio. E alí estaba eu, perdida entre tanto aparato médico, esgotada tras horas de parto,... e cun bebé recén nado que comezaba a move-la súa pequena cabeza coa boca aberta, buscando algo que topara cos seus beizos... e atopou o meu peito. Non me decato en que momento se me encheron os ollos de lágrimas, pero aínda que a emoción non me deixaba ver con claridade, non podía afastar a mirada daquel intre.
Sinto non poder explicar o que sentín nese momento pero alégrome de non poder esquecelo. Aínda así, lembro esa sensación de estar perdida, de non saber cal é o seguinte paso, e de pronto ela, cuns minutos de vida e a seguridade que outorga o instinto. Ela, aferrada ó meu peito, entrando nos meus ollos para non saír nunca máis.
A medida que avanzaban os días o vínculo entre Uma e máis eu facíase máis forte, mamaba continuamente e eu non ficaba cansa de ollala mentres o facía... por moito que se repetise esa situación seguíame a parecer algo incrible, máxico,... O aleitamento sempre me resultou algo tenro e emotivo pero agora era moito máis que iso... estábase a converter na forma de expresión dos meus sentimentos cara a ela, nunha linguaxe silenciosa que non precisaba interpretacións. Lucas, o seu pai, gustaba de compartir eses momentos cunha ollada cómplice.
Máis tarde chegou o momento de comezar a traballar, retomar as clases no instituto de FP Tomás Barros onde exerzo de docente. Pensei que quizá isto podería dificultar a continuación do aleitamento de Uma como viña sendo ata agora, a demanda, pero a directora do centro non só respectou a miña decisión de seguir aleitando senón que a apoiou e animou. Así que sentíndome unha muller realmente afortunada puiden cumprir coas miñas obrigas laborais con Uma como invitada de excepción, e o alumnado ía acostumándose a ollar, entre lección e lección, a un bebé na clase que, ás veces durmía e ás veces mamaba. Así todo resultou máis doado do que pode parecer nun principio e ámbalas dúas seguíamos a gozar do aleitamento dentro e fóra do meu horario laboral... é aínda continuamos. Aínda que cabe dicir que a xulgar polo resto, non somos as únicas. O alumnado está encantado coa “nova compañeira de clase” que pasa a formar parte do día a día escolar e, ó remate do curso non falta cada ano alguén que comenta como o grupo pasa da sorpresa inicial do aleitamento durante a clase no principio de curso, a adoitalo como algo natural que incluso confesan, han botar de menos. Tamén o resto dos meus compañeiros e compañeiras ven chegar a Uma cada mañá como unha máis e incluso bromean con que xa ten o título de FP correspondente gañado.
Hoxe en día Uma e máis eu continuamos o aleitamento gozando del cada día. É unha sensación única cando os seus ollos grandes crúzanse cos meus e ás veces, xogamos a pechámolos con forza... primeiro eu, logo ela... e así vai pasando o tempo entre sorrisos que ela me regala, que eu gardo nas miñas lembranzas e no meu corazón. Cando se magoa, o peito é o seu consolo; cando ten sono, é a mulida almofada na que deixa descansar os seus ollos; cando escoita algún ruído que a asusta, é o lugar onde non existe o “perigo”... para ela é tanto... e para min o é todo.

Inés Carballo Varela

A TETA CAMBIOUNO TODO (ACCÉSIT)

A teta cambiouno todo. Miña nai sempre soubo que ela quería darma e, coas súas dúbidas e inseguridades, recordo que ma ofreceu por primeira vez naquel frío e metálico paritorio dun deshumanizado hospital calquera. Aquela marabillosa vivencia roubada polo persoal do hospital traduciuse en sangue que brotaba daquela ferida física e psicolóxica, e que conservou un só fío como toma de terra coa maternidade, o que foi a continuación do meu cordón: a teta de mamá. Eu seguía dependendo completamente dela e notei que iso lle axudaba a comprender e soportar que o seu embarazo tocara a súa fin e xa nunca volvería levarme tan preto dela nin sentirme no seu ventre, aínda que ela seguiu sentindo o seu “membro pantasma” durante meses.
Foi sumamente curioso como ese, aparentemente fraco, fío foi engordando ate abranguernos, ó principio, ás dúas. Ela asegura, cando sae o tema, que unha cousa levou á seguinte de xeito inevitable. Cando fala coa xente escóitoa contar que grazas á súa matrona deu cun tal “San Carlos González”, que con el aquelas dúbidas e inquietudes daqueles primeiros días desapareceron como por arte de maxia e que, de súpeto, o mundo virou cento oitenta graos e xa nada permaneceu patas para arriba nunca máis. Sempre menciona como as barreiras arquitectónicas levárona ó seu primeiro portabebés ergonómico e como nesa mesma tenda entendeu como podía continuar a súa sempre constante misión de preserva-lo mundo para min e para toda a demais xente grazas ós cueiros de tela. Co tempo, non sei nin en qué momento, decateime de que o berce no que unha vez durmira fora parar ó cuarto dos trastes que non usabamos. Non sei se ese santo tivo algo que ver nisto tamén.
Así pasabámo-los días e, a medida que eu medraba,  miña nai adicaba a diario un tempiño a ler esas cousas súas que ás veces lle arrincaban sorrisos, ás veces bágoas e, curiosamente, nalgunha ocasión ambas emocións ó mesmo tempo. Lía historias para non durmir doutros bebés que toparan con xente que fixera privalos da súa teta! A dicir verdade, eu non logro imaxinar algo así, seguro que esaxeraba ou se referiría a outra cousa. Como se apañaban os bebés e os seus pais sen emprega-las tetas? Era gracioso que, canto máis lía sobre casos que ela chamaba “aleitamentos fracasados” máis a miúdo sacaba esa cara de heroína ó mirarme mentres me daba teta. Daba a impresión de que eses pequenos artigos fosen a súa poción diaria de forza, de  volta á realidade, de perspectiva e mesmo de poder. Percibín tamén que aumentaba a súa seguridade en si mesma cada vez que facía calar á xente tralos comentarios que facían cando lle pedía teta a mamá e que eu nunca conseguín entender. Unha cousa é certa: mamá foi mudando. Por motivos que descoñezo deixou de ver a aqueles cos que antes desfrutaba e pasaba tempo e comezou a relacionarse con outro tipo de xente. Comezou a ler sobre a “importancia do nacemento”, “partos humanizados”, “crianza con apego” e outras desas cousas que, para min non eran senón a desviación da atención de mamá e consecuencia de ese “efecto cadea” inevitable do que falaba antes.
Eu vivía moi contenta coa miña racionciña de peito sempre que quería ate que un día notei que mamá xa non parecía ter tanto leite. Lembro asombrarme, separarme e golpear lixeiramente a teta para soluciona-lo problema e non conseguir moito. Aí comecei a pensar que mamá perdera  o tempo lendo aqueles libros e que incluso chegara a idealizar o do aleitamento. Ela cría sabelo todo… pero non era verdade: o leite si se retiraba só. Xamais entendín por que o facía, pero eu decatábame en cada toma de que a cara de mamá e a súa actitude xa non eran as mesmas que antes. Comecei a sentir que ela xa non o desfrutaba e non alcanzaba a entender que lle facía eu para que ela se sentise así. Malia iso, cando a xente lle formulaba a idea de poñerlle punto e final, ela o descartaba!  Por se todo isto non fose suficiente e me molestase dabondo, tiven que lidar tamén con iso que se estaba a interpoñer entre nós e que facía que cada día vise a mamá un pouquiño máis lonxe de min. Aínda así, con esa cara de dor e sen tanto leite coma antes, consolábame ver que mamá me quería igual no seu peito e me seguía a durmir coa súa calor e a empregalo como analxésico cada vez que me magoaba. Meus pais tampouco eran moi dados a darme menciña algunha, así que todos de acordo e felices. Aínda que, se me paro a recordar, lembro tamén que o problema se solucionou un pouquiño máis tarde e, sen saber moi ben de onde viña… o leite voltou!
Tras varias viaxes a un lugar que meus pais chamaban “hospital” e que estaba ben lonxe, un día fomos e, sen entender moi ben como, aquel ser imaxinario ó que, ata entón, chamáramos “irmanciño” estaba deitado ó carón de mamá nunha cama. Foi moi raro velos alí. Non daba creto nin tampouco entendía daquela moi ben todo o que a súa chegada ía significar na miña vida. Non sei explicar exactamente  que pasou pola miña cabeza nin o meu corazón a partir de ese entón e coa súa presenza, pero lembro que esta chegada non encheu, precisamente, de ledicia a miña vida.  Sentíame mal cos meus pais, comigo mesma, coa vida en xeral e, con vintetantos meses nada máis, non tiña nin idea do que me acontecía nin de como expresarme, controlalo ou contarllo ós meus pais. Observaba ó meu irmán e, agora máis que nunca, impactábanme esas historias horribles das que falaba miña nai de bebés sen tetas. Como se apañarían seus pais para averigua-lo que necesitaba ou quería o bebé día e noite? Miña nai, lle pasase o que lle pasase ó irmanciño, usaba a súa teta-multiusos. E meu pai tamén: lle pasase o que lle pasase, usaba a teta-multiusos de mamá. As cousas comezaron a trocar para min cando papá o meteu na miña bañeira, pasámo-lo rato xuntos e eu fun quen de lavalo! Aquel portabebés que mamá mercara ós meus seis mesiños de vida converteuse en catro diferentes, “segundo as necesidades e nosas etapas”, di ela. A min tranquilízame saber que o de ir aí colgado non é privilexio do recén chegado, divírteme ir colgadiña coma el interactuando xuntos e facendo carreiras nos portabebés. Pero, se tivese que falar do mellor dos portabebés é que mamá pode darlle a teta mentres está a face-las súas compras no súper ou nos centros comerciais e así logo temos tempo para ir ós xogos! Teño que admitir que ese pequeno ser que rodeaban de coidados e amor comezou a caerme mellor cando mamá me ofreceu teta cando estaba a tomala el. Eses olliños tan preto de min mirábanme e facían rir. Logo, ademais de mirarme, o meu irmanciño comezou a facer sons graciosos mentres tomaba teta e agora tamén xoga co meu cabelo. A día de hoxe, a miña frase para mamá é a miúdo: “Quero teta…co meu irmán” e, ó escoitar isto, unha luz parece ilumina-la súa cara. Cando ás veces estou a saltar na cama e meus pais teñen esa cara de medo o meu irmán é o único na casa que me mira e ri e isto faime sentir ben, maior e poderosa. Agora xa me cae bastante mellor e algo me di que nos levaremos ben no futuro. Paréceme que xa entendo por que mamá non quixo deixar de darme peito antes da chegada do meu irmán: para que ámbolos dous recibiramos toda a calor, o cariño, a calma do mundo e atopáramo-lo noso punto de unión. A teta é o mellor do mundo. A teta cambiouno todo.

Cristina Villarino Costa

CARTAS PARA NAVIA


Miro o teu embigo. É pequerrecho e redondiño. O embigo é a primeira cicatriz do ser humano, un recordatorio. Cando estabas na barriga alimentábaste por ese buratiño. Gustábame terte na barriga. Ás veces durmías, ás veces voabas e andabas empurrando coa cabeza. Un día empurraches tanto que naciches.  Querías pescudar o que había fora. Non che importou o frío de xaneiro. Xa sabías facer moitas cousas, cousas que aprenderas ti soíña ó longo de nove meses.
Unha das cousas que tiñas practicado foi como chuperretear, igual ti non o sabías, ou igual si, pero así te ías enganchar á teta. Eu tamén me prepara para esa importante tarefa. Lera moitos libros e revistas e falara con amigas. Aínda que me esforzaba moito para facelo ben o meu corpo paseniñamente e sen ningún esforzo ía facilitando as cousas. Ó principio foi menos divertido: tiña que andar con coidado, calquera roce de nada molestábame moito, pero aquilo pasou. Un día, ó saír da ducha vin un pouquechiño, un case nada de líquido na teta. Púxenme moi contenta, sabía que aquilo era para ti. Xa estabas pronta para nacer!
Toda a familia estaba como tola por coñecerte, querían que saíras! Eu non tiña ningunha présa. Fomos facer unha foto para que che visen a cariña, a ver se así acougaban. Cando saíches pousáronche na miña barriga, pero esta vez por fóra. Recoñecín aquela foto...claro, éra-la mesma! Que incrible e que normal era todo! Eu chorei, tamén chorou Papá, ti non chorabas, facías burbullas e os teus olliños estaban algo incómodos con tanta luz. Leváronte por un pouco a un curruncho, foi moi pouquiño tempo, pero non che gustou: aí choraches ti! Trouxéronche deseguida ó carón da miña teta, da teta pequena, a teta que che cura tódalas agonías.
A min angustiábame algo non ser quen de te aleitar, pero ti parecías dicir: non te preocupes mamá, déixame a min, que eu sei! E vós as dúas entendéstesvos.
A teta grande, a que tanto lle amolaba a Mamá cando era mociña, custáballe un pouco máis e á final púxose pachucha. Tivémola que levar ó hospital e alí quedamos os tres: a nena, papá e mamá. Coidáchesme moito, igual que eu coidei da miña avoíña cando enfermou. Non querías marchar do meu carón e como me dabas os teus biquiños sorriseiros non conseguía estar triste. A verdade é que á teta grande custáballe un montón entenderse naquel sitio e comezaron a insistirche que chuparas dun biberón, pero ti case preferías que non... e a tetiña pequena, tan pequena como fora sempre, esforzouse para darche todo o que precisabas. Grazas á túa paciencia e a que atopamos uns magos que estaban cerca do Castelo do Santo Antón, a teta grande curou. Que bonito era ir ata alí paseando contigo e con papá, ás veces viña a tía ou o avó. A Dársena arrecendía a primavera mareira e soleada.
 Agora tamén fai sol, un sol de verán, estás aquí durmidiña ó meu carón. Vai moita calor, seguro que dentro de pouco empezarás a remexer, terás sede ou fame, ou simplemente quererás saber que a túa nai segue gardándote, pendente de ti. Non vas abri-los olliños porque aínda tes sono e durmirás un pedazo máis. Buscarás cos beizos,  cun aceno que me fai lembrar os xatiños do tío do meu pai. 
Ves! xa está, un pouco de teta milagreira e xa volves durmir, todo o que precisamos para pasar unha boa noite está nesta cama, sen máis complicación. É máis sinxelo do que algúns dixeran. Algúns tamén osman: “E, ata cando?” Eu pregúntolles con anticipada soidade se acaso poderei contar toda a vida cun anaquiño da miña pel que che calme os momentos difíciles. Prefiro ve-lo lonxe... e pensar que a teta, como o amor, é eterna mentres dura.

Carmela Galego

A TÚA PEL


Cando a os 44 anos dixéronme que estaba preñada, e, pouco a pouco foime medrando a barriga despois de case 19 anos, non me decatei do que todo isto significaba.
Despois de nove meses, con moitos ardores e un pouquiño mais coidada que cando os teus irmáns, chegou o día de coñecerte persoalmente Lucas, foi o 10 de febreiro. O noso xoguete chegou  nun quirófano verde, cheo de esperanza, e te fixeches de rogar  para a túa nai, que foi a ultima en te ver, tras nove horas pos-cesárea.
No mesmo intre que te vin “miñoquiña”, te encaixaches na miña teta dereita chorando a rabiar, mais ao momento colliches a mamila e comezaches a tirar. Case nin me diste tempo a verte e comprobar se viñas “enteiriño”, só puiden deleitarme este intre no teu lado dereito.Eras tan feitiño!! Peladiño, con todos os dedos das mans e dos pes, e esas perniñas larguiruchas, todo pelexo. Con unha cara moi feitiña non te parecías a ninguén, aínda que a túa avoa dicía que eras igual que o seu fillo e seguro que alguén tamén diría que eras cuspidiño a mamá. Mais que non che mintan meu fillo, ti eras único e irrepetible. Tiñas moito xenio e empurrabas contra a teta, tiña medo de que te fixeses unha marca na túa branquiña cabeza. Os teus irmáns tamén tomaron teta mais eu xa non lembraba o marabilloso que era ver esa mirada de amor, ese abrazo de complicidade e esa relación dende entón tan intensa.
Tamén naciches co teu tempo e esa mesma noite estabas en Facebook saudando a todos e namorándoos na rede. Esa noite durmiches cos teus pais e dende ese dia non volvemos a saber o que é durmir de corrido.
Teu pai participou dende o primeiro dia na túa alimentación así como os teus irmáns e temos unhas fotos moi tenras de momentos que quedaron nas nosas retinas para sempre. Ás veces tamén os collías a eles para ver se tiñan comida. Eras tan impaciente que ata lles quitaches os pelos do peito ao teu pai e ao teu avó e tiveron que rasuralos.
Sempre vés con nós a tódolos sitios: a compra, a piscina, de viaxe, a festa… e aínda así estásenos a pasar o tempo de camiño, xa tes seis meses e parece que foi onte cando naciches, pero non lembramos a vida sen ti.
Agora que pouco a pouco vaste despedindo da teta segue sendo especial cada chupada, e aínda que intento gravar cada xesto, cada intre… sei que me esquecerei de moitos detalles, de sorrisos, de miradas, mais nunca poderei esquecer a suavidade da túa pel ao carón da miña, facéndome esquecer cada engurra cos teus aloumiños.
Un bico da túa nai.

Pilar Martínez Riveiro