viernes, 30 de septiembre de 2011

LEMBRANZAS DA LACTACIÓN: LUCES NAS TEBRAS


Animada polo Grupo de Apoio á Lactación Materna de Os Rosais, atópome aquí, outra vez no medio da noite, decidida a achegar o meu graniño de area aos ánimos colectivos co que poida lembrar da miña experiencia de lactación co meu fillo. 
Con estrañeza, hai xa sete anos de todo isto, áchome revivindo unha morea de sensacións. Verdadeiramente cáusame estrañeza, pois, dun tempo a esta parte, a miña memoria parece ter marchado de vacacións. Din que é por ter moitas cousas na cabeza. Que é unha doenza de nais hiper-ocupadas. Así e todo, parece que certas cousas non as esquecemos e apetéceme pensar que son as importantes de verdade. Aquelas que forman parte de nós con mais dereito e naturalidade. Quizais por estar cinguidas de sentimentos poderosos que xorden de moi dentro.
Lembro de xeito especial as tomas nocturnas. Estaban tinguidas de maxia. Miguel veu ao mundo en xaneiro. Albiscábase o inverno e a friaxe no exterior. No interior da casa reinaba un calorciño agradable. A escuridade e o silencio arrodeaban o circuliño de media luz laranxa no que estabamos meu fillo e mais eu. Proviña dunha lampadiña con forma de peixe que creaba esa burbulliña de luz tenue que nos contiña aos dous e semellaba flotar sobre o mundo.
Tirando do fío, vénme á mente o sentir da soidade. Soidade con quietude e sosego, os dous xuntos alleos ao resto do mundo. Soidade desesperanzada, horrible, nos momentos de perda de un do outro. Sentíame tremendamente impotente cando non era quen de calmalo.  Ás veces, enlazabámonos nunha crecente e contaxiosa espiral de nervios. Sen embargo, os bos momentos, que bos eran! que plenos de tranquilidade e agrado! Dunha satisfacción absoluta.
Rememoro a necesidade urxente de estar ó seu carón. Pasábao realmente mal cando tiña que afastarme del. Tiña a sensación de ter unha parte do meu ser noutro lugar. Era estraño e moi desacougante.
E que dicir do poderío? Poder tranquilizalo co meu corpo, co meu leite, co meu olor. Non poderemos atopar algo máis grandioso.
A pesar do cansazo, quizais axudada por el, o desfrute da quietude, do seu corpiño quente arrexuntadiño ao meu. A súa boquiña no meu peito. O meu abraio ante a súa grande sabedoría: nada máis nacer xa sabía mamar, procurábase o seu alimento. Tan pequerrecho e tan sabio! E contacta comigo dun modo total!. Creo que é unha das maiores satisfaccións da miña vida. Non me atrevo a dicir que é a maior, a máis intensa, por un indicio de prudencia.
Ás veces, quedábase durmidiño nos meus brazos cun pouquiño de leite nos seus beizos sorrintes. Outras, remataba a toma esperto e sorría. Eu collíao un pouco en alto, meus ollos nos seus. O seu ollar era incrible: ollos brillantes, alegres, cheíños de expresión. E aí caiamos nun feitizo: o seu ollar e o meu eran os extremos dun vieiro no aire. E este carreiriño estaba feito de ledicia, de amor, de luz. Unha certeza de unión suave á vez que firme e segura. Tiña a consciencia de vivir un momento sublime. Meus ollos nos seus, os seus olliños nos meus. O noso mutuo recoñecemento íntimo.
Sentía, de maneira nítida, que formaba parte harmónica do universo. Estaba en paz co orbe. Quería a miña familia, aos meus amigos dun modo intenso.  Todo estaba no seu xusto lugar, onde é  bo que estea.
Evoco a sensación de non existir o tempo, quizais algo así é a eternidade. Era un tempo máis denso, tiña outro discorrer. Tempo redondo e pleno, lento, transparente. Tempo co meu meniño no colo, acollido, albergado, unha man no meu costado e a outra no meu peito. Tempo de ledicia e pracer de ámbolos dous.
A nosa lactación non sempre foi doada. Mais penso que as nosas dificultades terían sido maiores de non ter contado con ela. Tamén lamento intensamente non ter sabido o que agora sei para poder aproveitala máis. Non ter tido a man, por exemplo, un grupo de apoio á lactación. Que envexa sa vos teño!
Animo a todas as nais a gozar da lactación. Non teño palabras axeitadas, síntome torpe nos meus intentos de expresión. Sinceramente podo dicir que me gustou moito dar de mamar ao meu fillo. Sinto que temos moita sorte e que debemos aproveitala ao máximo, nun mundo que non sempre fai xustiza ás cousas fermosas da vida.

Migueliño é unha rosa,
Migueliño é un caravel,
Migueliño é un espello
Súa nai mírase nel
(Canción popular)

Victoria

No hay comentarios:

Publicar un comentario