viernes, 30 de septiembre de 2011

UMA E A TETA


Uma, de 21 meses, ten cita hoxe no pediatra. Chegamos cedo e o ambiente está tranquilo, non hai xente. Matamos o tempo xogando e pescudando os carteis da sala de espera... ata que a Uma chámalle a atención un e o sinala. É a foto dunha muller aleitando a un bebé... supoño que lle chamará a atención porque non é habitual ver fotos de bebés ó peito. O cartaz chama tamén a miña atención e leo a información: “A falar da teta” concurso de relatos sobre lactación materna.
Ó chegar á casa lembro o cartel e penso que escribiría eu se fixese un relato sobre a miña experiencia dándolle o peito a Uma, e un montón de lembranzas chegan á miña cabeza. Lembro as inevitables e ás veces indiscretas preguntas durante o embarazo: o parto, con ou sen epidural? xa tes a bolsa lista? mercaches xa todo? vaslle dar o peito?... e era esta última pregunta a que me resultaba particularmente estraña. Non contaba con moita información sobre o tema pero, tampouco considerara outra opción. Quizá o feito de levarme nove e dezaseis anos coas miñas irmáns e ver o seu aleitamento dun xeito natural e sen tabús influía no meu xeito de velo... aínda así non lle din demasiadas voltas ó tema, e tomei por premisa no embarazo decidir as cousas ó seu tempo, e ese momento aínda estaba por chegar... e chegou. Chegou o momento do parto, eu estaba tan cansa que apenas acertaba a darlle a benvida á pequena que tiña nos brazos... pero unha agradable e profesional matrona situouna ó carón do meu peito cando aínda non sairamos do paritorio. E alí estaba eu, perdida entre tanto aparato médico, esgotada tras horas de parto,... e cun bebé recén nado que comezaba a move-la súa pequena cabeza coa boca aberta, buscando algo que topara cos seus beizos... e atopou o meu peito. Non me decato en que momento se me encheron os ollos de lágrimas, pero aínda que a emoción non me deixaba ver con claridade, non podía afastar a mirada daquel intre.
Sinto non poder explicar o que sentín nese momento pero alégrome de non poder esquecelo. Aínda así, lembro esa sensación de estar perdida, de non saber cal é o seguinte paso, e de pronto ela, cuns minutos de vida e a seguridade que outorga o instinto. Ela, aferrada ó meu peito, entrando nos meus ollos para non saír nunca máis.
A medida que avanzaban os días o vínculo entre Uma e máis eu facíase máis forte, mamaba continuamente e eu non ficaba cansa de ollala mentres o facía... por moito que se repetise esa situación seguíame a parecer algo incrible, máxico,... O aleitamento sempre me resultou algo tenro e emotivo pero agora era moito máis que iso... estábase a converter na forma de expresión dos meus sentimentos cara a ela, nunha linguaxe silenciosa que non precisaba interpretacións. Lucas, o seu pai, gustaba de compartir eses momentos cunha ollada cómplice.
Máis tarde chegou o momento de comezar a traballar, retomar as clases no instituto de FP Tomás Barros onde exerzo de docente. Pensei que quizá isto podería dificultar a continuación do aleitamento de Uma como viña sendo ata agora, a demanda, pero a directora do centro non só respectou a miña decisión de seguir aleitando senón que a apoiou e animou. Así que sentíndome unha muller realmente afortunada puiden cumprir coas miñas obrigas laborais con Uma como invitada de excepción, e o alumnado ía acostumándose a ollar, entre lección e lección, a un bebé na clase que, ás veces durmía e ás veces mamaba. Así todo resultou máis doado do que pode parecer nun principio e ámbalas dúas seguíamos a gozar do aleitamento dentro e fóra do meu horario laboral... é aínda continuamos. Aínda que cabe dicir que a xulgar polo resto, non somos as únicas. O alumnado está encantado coa “nova compañeira de clase” que pasa a formar parte do día a día escolar e, ó remate do curso non falta cada ano alguén que comenta como o grupo pasa da sorpresa inicial do aleitamento durante a clase no principio de curso, a adoitalo como algo natural que incluso confesan, han botar de menos. Tamén o resto dos meus compañeiros e compañeiras ven chegar a Uma cada mañá como unha máis e incluso bromean con que xa ten o título de FP correspondente gañado.
Hoxe en día Uma e máis eu continuamos o aleitamento gozando del cada día. É unha sensación única cando os seus ollos grandes crúzanse cos meus e ás veces, xogamos a pechámolos con forza... primeiro eu, logo ela... e así vai pasando o tempo entre sorrisos que ela me regala, que eu gardo nas miñas lembranzas e no meu corazón. Cando se magoa, o peito é o seu consolo; cando ten sono, é a mulida almofada na que deixa descansar os seus ollos; cando escoita algún ruído que a asusta, é o lugar onde non existe o “perigo”... para ela é tanto... e para min o é todo.

Inés Carballo Varela

No hay comentarios:

Publicar un comentario