viernes, 30 de septiembre de 2011

DE-LEITE MATERNO

A cousa máis preciosa do mundo é o sorriso desdentado dun bebé despois de tomar o peito. É este sorriso coa pinga de leite nos beizos o que compensa todas as noites en vela. Teño dous fillos, un de seis anos e outra, recentemente nada. O meu primeiro fillo gozou do leite materno durante nove meses e eran uns meses que lembro con tenrura e amor e agora volvo ter esta experiencia única que tanto me enche de ledicia. A lactación para min é un dar e un recibir, un agasallo do ceo que crea un vínculo entre a nai e o bebé que un biberón é incapaz de dar. Un biberón alimenta, o peito - a parte de alimentar - entrega o amor, a protección e a calor humana que procede das profundidades do corazón materno. Dando o peito podo usar ambas mans para abrazar e aloumiñar ao meu bebé.
A decisión pro lactación para min sempre implicou un alto grao de confianza na nosa nai natureza que equipou os peitos dunha muller con sabedoría para poder producir un leite que se vai adaptando ás necesidades do bebé. Lin que o 98 por cento das nais son capaces de dar o peito se se lles informa debidamente. Hoxe en día, por desgraza, a xente adoita confiar moito máis nas promesas falsas das casas produtoras de leite artificial para bebés que suxiren unha alimentación “case igual que o leite materno”, e é máis: como o biberón ten medidor, e no paquete pon que o bebé ten que inxerir certa cantidade diaria, a moitas nais, e tamén a moitos pais, dálles a sensación de poder controlar a situación. Por iso digo que fai falta confianza por parte da nai e información por parte de persoas especialistas na lactación para poder superar esa necesidade de control. Cando naceu o meu primeiro fillo aínda estabamos a vivir en Alemaña e fíxenme socia do Leite Liga deste país. Ao longo da lactación xurdiron dúbidas e problemas e todas mas souberon solucionar enviándome información detallada ao redor destes temas. Creo que sen a axuda do Leite Liga tería abandonado a lactación cando o meu fillo tiña seis meses, xa que entrou nunha “folga de lactación”, supostamente porque lle empezaron a saír os dentes. Dixéronme que era algo completamente normal, déronme uns consellos moi valiosos e animáronme a seguir insistindo. Tras uns días volveu a mamar como antes e puidemos seguir tres meses máis.
A lactación ten moitísimas vantaxes, como, por exemplo, a protección que achega a lactación polos anticorpos maternos transmitidos polo leite materno, e - non o vou a negar – ten un aspecto moi práctico tamén, porque se pode dar o peito en (case) calquera lugar, sen ter que pensar en esterilizar biberóns. Simplemente trátase de “botarlle un par de tetas” e sacar as mesmas. Sen medo por posibles comentarios dos demais. Eu xa dei o peito no parque, en restaurantes, mesmo no avión... e até a data ninguén me dixo nada, ao contrario: a xente sorrime. Sobre todo no avión o peito axúdalle moito ao bebé para superar as dores de oídos que provoca o despegue e a aterraxe. E en canto a restaurantes, acórdome dunha anécdota moi divertida: Meu primeiro fillo tería uns 5 meses cando fomos en familia a Bonilla para gozar de chocolate con churros. Quixen aproveitar o tempo ata que nos servisen os churros para darlle de mamar. Pero non quería. Rexeitoume a teta. E iso que demostraba fame. Ao final decidín comerme os churros e volver tentalo despois. Mentres comía, el observábame fixamente... E nada máis terminar, xa pediu teta. E comeu, moito... é que o moi pillabán quería tomar leite materno con sabor a chocolate con churros. :-)
A miña filla recentemente nada tamén é larpeira e gústalle moito o leite da súa mamá. Tanto que a veces se pasa... ;-) A súa mirada ao succionar parécese moito á do meu primeiro fillo. É a mirada concentrada dunha profesional, é a miña supervisora de calidade de leite materno particular. Xa vos contarei... Gústame tanto poder acougala nuns segundos cando chora dándolle o peito. De feito, a palabra alemá para aleitar é “stillen” e significa tamén saciar, acougar e satisfacer, ou sexa que non só se refire á alimentación senón tamén a outros aspectos positivos da lactación, como o efecto relaxante que ten, tanto para a nai como para o bebé.
Aleitar é gozar, é amar, é vida.

Sabine

No hay comentarios:

Publicar un comentario