viernes, 30 de septiembre de 2011

INTRES


-         
-          Así non pode respirar ben, que lle tapas as ventas, tes que apartarlle a cara un pouco.
-          (É que non estou cómoda co brazo do sillón…)
-          Xa rematou? Iso non lle chega a nada.
-          (É que sempre mama así!)
-          Veña, veña, vouna ir espertando para que lle deas de mamar, que se non vaille dar un baixón de glicosa.
-           (Un baixón de glicosa? Se mamou hai un pedazo e agora dorme coma unha torada! Déixanos descansar!)
-          É que con esas tetas... non tes leite, que se tiveras medraríanche máis…
-          (Pois eu penso que algo sae…)
-          Ves? Xa cha rexeita, iso é que lle vas ter que dar un biberón, porque así non engorda.
-          (Fomos á revisión e engordou uns gramos…)
-          Quedou con fame, mira que cara pon, pobre!
-          (Ao mellor é que está cagando!)
-          Tes que comer máis, non ves que se non non aleitas graxa? E iso é o que necesita para poder engordar axiña.
-          (É que xa como! Que non teño tres anos para que me anden controlando a dieta!)
-          O meu neno tamén facía así e tiven que parar de darlle e empezar co biberón.
-          (Xa , pero esta é a miña nena…)
-          Vouche apertar a teta para que lle vaia máis cantidade en cada chupada.
-          (E apertouma!!!)
-          E logo? Pensas darlle ata que faga a comuñón? Ha!
-          (Dareille ata que ás dúas nos apeteza) 
-          Terás que ir pensando en parar de darlle a teta, que pareces non sei que con ela aí colgada! Ademais, ao empezar a traballar, xa vai ser imposible.
-          (Terei que muxirme e xa veremos como nos imos amañando…)
-         
(…)
Estou esgotada, vaime estourar a cabeza! Son tantas parénteses de silencio,  tanto o que estou calando por cortesía, que  teño a sensación de que cando empece a falar con franqueza (se é que reúno o valor e as forzas necesarias para facelo) van saír da miña boca cóbregas e sapos no canto de palabras.
Que ganas tiña de que chegara este momento! Por fin soas, ti e máis eu; sen ninguén arredor facendo café, servindo galletiñas danesas, unhas cervexiñas, un refresco, algo de picar… Case non lembraba o que era estar en silencio…
Agora si, creo que xa vai chegando  a hora… ponte cómoda, búscalle o xeito á postura; así está ben? Dóeche? Non sei se esas bágoas que che corren pola meixela son de dor, de pracer, de emoción… Non te entendo! Resulta frustrante terte tan preto de min e non poder falarche, óesme?
Todo cambiou e é para sempre. Cada vez que o penso pónseme na gorxa ese nó que lembra o derradeiro día das vacacións de verán, cando había que volver á escola durante todo un curso que semellaba que non remataría nunca e aínda nin comezara. Sinto esa presión no peito, como cando se axita unha botella de gasosa, pero non se abre porque sairía todo o líquido a presión… Pero agora creo que xa case é a hora.
Debes ter paciencia comigo, é a primeira vez que fago isto e non sei  como vai a cousa; non sei se o estou facendo ben ou mal e outra vez vexo as bágoas que agroman nos teus ollos. Síntome culpable e non sei que podo facer para que esteas mellor, é a desesperación e a impotencia o que me anubra a vista e non me deixa ver con claridade o que está pasando entre nós. Porque está pasando algo, iso seguro! Podo sentirte comigo e en min, o teu calor, o olor… mais non estou segura de se é algo bo ou malo, como é posible? Non me dá chegado a hora.
Que imos facer? Como vai rematar todo isto? Ás veces sinto que as miñas forzas afrouxan, sinto a fraqueza no espírito e teño ganas de renderme e someterme aos consellos de cada persoa que ousa opinar, de xeito gratuíto, sobre algo tan sagrado coma o noso. Sinto que xa non podo máis, fáltame o aire e non me dou afastado desta atmosfera escura que ameaza a cada pouco con descargar sobre nós. Ata que miro para ti e todo remata. Chegou a hora.
Chegou a hora de deixarnos invadir por este sentimento que fai que esquezamos todo o que nos abafa; iso que só ti e mais eu recoñecemos e que mantemos en secreto para que nunca ninguén o poida  luxar mencionándoo. Agora é hora de evadirse, de ignorar que o teléfono está soando, que hai xente ao outro lado da porta timbrando, que están chegando mensaxes ao móbil…
Eu acomódome, acomódate ti tamén. Se queres pecha os ollos e trata de esquecer todo aquilo que nalgún momento che ocupou a mente, céntrate só en deixarte levar. Respira ben fondo, nota como o peito se fai máis e máis grande enchéndose de Iso, como a alma se fai máis transparente, como todo desaparece e só quedamos nós. Desfruta deste momento, deste sentimento, porque é a hora de alimentarte, a hora de alimentarme.

Patricia Rodríguez Castrillón

No hay comentarios:

Publicar un comentario