viernes, 30 de septiembre de 2011

QUEN MAMA, AMA


O primeiro fillo arrincáronmo.
Coñecino trinta e cinco horas despois, nos brazos dunha enfermeira.
A pesar da separación, a súa intervención cirúrxica, estancia na UCI con sedación de tres días, e demais sucesos que me costa lembrar tras cinco anos, aleiteino durante tres meses até que a desinformación e a falta de apoio mutilaron as miñas ansias dunha lactancia feliz e longa..... Segundo trauma.
O segundo fillo, nace por sorte cunha nai mais experta e reforzada.Segura de si mesma. Segura do que quería para ela e para o seu fillo. Sen intromisión.
Contactar cunha asesora de lactancia, deume toda a confianza. Débolle tanto...Debémoslle tanto...
“Por favor! Déixame arrimalo ao peito!”.
Saímos os dous triunfantes da sala de partos unidos polos seus pequenos beizos sobre min. Xuntos.... Sen libro de instrucións.
Era unha imaxe soñada. E converteuse nunha imaxe cumprida.
Iniciamos  a experiencia. Lactar.
Amar.
O sentido da lactancia é DAR , e esa é a esencia. O pracer de dar sen pedir nada, sen esperar nada.Lección de vida. Altruísmo. Harmonía coa terra. Equilibrio co corpo.
Maternidade.
Adorable silencio, adorable momento no que os dous corpos tornan a fundirse coma na orixe da vida.
Contacto, unión. Amor.
Sen caducidade, sen límites. Os mamíferos non teñen reloxo.
Con dezaoito meses, Duarte di, mamá, papá e teta. E son tres palabras que di cun sorriso. Algo importante debe de ser...
E desfrutamos os dous, todas e cada unha das veces. Día, noite. Estación tras estación..
Xuntos...
Por iso, cando alguén me pregunta: "¿Aínda segues coa teta?" Eu penso: “Si, aínda somos inmensamente felices”.
E cando a lactancia non sexa mais que un recordo, tamén estarei feliz de lembrarme.....

A Duarte e a Natalia, por facerme tan, tan, tan feliz.


Pilar Fernández Salgueiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario