lunes, 12 de diciembre de 2011

Libro de relatos "A falar da Teta"

Por fin a compilación dos relatos está lista!
Xa podedes descargar o libro en PDF con todos os relatos sobre lactación presentados ao concurso A FALAR DA TETA o pasado verán.
Grazas a todas as que participastes e gozade moitísimo coa lectura!

Para descargar o libro picade aquí

lunes, 10 de octubre de 2011

Celebración da SMLM: Crónica da Xornada A falar da Teta

O pasado sábado 8 de outubro celebramos en ALMA a Semana Mundial da Lactación Materna (SMLM) levando a cabo a nosa Xornada sobre lactación materna "A falar da teta". Preto de 40 adultos e 20 nenos e nenas participamos desa tarde en familia, onde falamos sobre distintos aspectos relacionados coa lactación materna.

A xornada, guiada por Eva, a nosa presidenta, comezou ás 17 h coa lectura pola súa parte do seguinte manifesto:

Dende ALMA e dende todo o movemento social a favor da lactancia materna, recoñecemos:

• Que a lactancia materna é un dereito de todas as familias.

• Que aumentar a duración do aleitamento ten efectos positivos para toda a comunidade.

• Que o apoio ás familias que elixen aleitar a seus fillos e súas fillas pasa por unha boa información, unha boa atención sanitaria, o respecto social, medidas de conciliación familiar e laboral axeitadas e tamén pola implicación de todos os seus membros.

Temos en conta:

Que a comunicación é un elemento esencial para protexer a lactancia materna e apoiar ás mulleres que aleitan.
Que arestora enos posíbel comunicarnos a través de grandes ou pequenas distancias nun intre.
Que xurdiron novos canais que permiten actualizar coñecementos e difundir información fiable e actualizada sobre lactancia materna.

Cremos que cómpre:

Traballar en rede alén do noso tempo e lugar, propiciando deste xeito o debate e o diálogo a todos os niveis e en todos os eidos.

E, polo tanto, pedimos:

• Que dende todos os ámbitos se difunda información fiable e actualizada sobre lactancia materna.
• Que as entidades, persoas e organismos comprometidas co apoio ás nais lactantes dispoñan de recursos para dar visibilidade á situación actual da lactancia e atender ás nais.
• Que as familias poidan atopar con facilidade recursos na súa comunidade que lles ofrezan información e apoio no seu desexo de aleitar.
• Que se dea visibilidade e apoio ás necesidades das familias que aleitan.


A continuación, Patricia López, achegounos unhas nocións sobre que somos e por que existimos os grupos de apoio á lactación. Falou sobre as necesidades das nais que aleitamos (información, confianza en nós mesmas, axuda práctica, apoio emocional e solucións para os problemas que poden xurdir relacionados coa lactación), que somos os grupos de apoio, que facemos e que non facemos os grupos. Destaca Patricia neste último punto que é importante que dende os grupos de apoio á lactación non xulguemos as nais que deciden levar a cabo prácticas contrarias ás que defendemos, como dar biberón ou destetar, posto que estas condutas deben ser igual de respectadas que outras menos polémicas para o colectivo do que formamos parte. Outro aspecto no que fixo fincapé é que tampouco debemos criticar aos profesionais xa que iso fará que nos convertamos en "inimigos" do sistema sanitario, cando en realidade, debemos traballar todos por un fin común. Por último, Patricia rematou dicindo que os grupos de apoio aspiramos a deixar de ser necesarios, xa que cando chegue o día en que isto aconteza, a lactación materna se terá normalizado na nosa sociedade e en xeral, todos os profesionais sanitarios serán capaces de axudar ás nais que teñan problemas coas súas lactacións.
Relatorio: Que son y por que existen os grupos de apoio. Patricia López (esquerda) e Eva González (dereita)
Despois chegou o momento da Mesa Redonda onde distintas persoas achegaron diferentes perspectivas relacionadas coa lactación. Tivemos a honra de contar cos seguintes participantes:

- Ana Sánchez (matrona) e Rosa Veiguela (enfermeira de pediatría), que falaron sobre a súa experiencia levando a cabo un programa de atención puerperal precoz no Centro de Saúde do Castrillón, grazas ao cal conseguiron elevar a taxa de lactación da zona. Explicaron como esa experiencia lles permitiu ver que as mulleres puérperas necesitaban estar con outras iguais e así puxeron en marcha un taller posparto para nais e bebés que foi a escusa perfecta para ese fin.

- Pau, pai dun neno de dous anos e medio e marido de Noelia, presidenta e asesora de Teta e Coliño, falounos sobre o que supuxo para el a paternidade e cal é o seu papel na lactación do seu fillo.

- Carmen Chans, falounos como nai das dúas experiencias vividas cos partos e as lactacións das súas dúas fillas, que se levan 19 anos entre elas.

- Inés Carballo, profesora do instituto de formación profesional Tomás Barros, leunos o relato co que participou no concurso "A falarTeta", e nos contou como a lactación da súa filla Uma se convertera en algo cotián no seu centro de traballo, apoiada por alumnos e compañeiros.

- Patricia López, asesora e presidenta de Bico de Leite, aportou a súa visión sobre o papel dos grupos de apoio na lactación, repasando algúns dos aspectos xa mencionados no seu relatorio.

Mesa redonda: Presente e futuro da lactación materna
De dereita a esquerda: Inés, Carmen, Pau, Eva, Patricia, Ana y Rosa
As interesantes achegas da mesa deron pé á participación do público, grazas á cal afondamos un pouco máis en aspectos tales como o día a día de Inés e Uma no instituto, o papel de Pau na lactación do seu fillo Pau, e aquelas cousas que non debemos facer dende os grupos de apoio.

Ademais, Noelia e Amalia, dúas das participantes do concurso, compartiron con todos os asistentes a lectura dos seus relatos, ao igual que o fixeron as catro finalistas.

Finalmente, fixemos entrega dos premios do concurso de relatos, cuxas gañadoras foron as seguintes:


1º Premio: Susana Ferreiro Mediante, por “BRANCO”.
2º Premio: Cristina Cubeiro Becerra, por “CARACOL”.
3º Premio: Irma González Souto, por “CABALGAMOS”.
Accésit por cortesía de Arkhé, Espacio Educativo: Cristina Villarino Costa ,por “A TETA CAMBIOUNO TODO”.

Finalistas do concurso de relatos. De dereita a esquerda: Patricia López (recollendo o premio de Susana Ferreiro), Cristina Cubeiro, Eva González (moderadora), Cristina Villarino e Irma González

Grazas a Sabela Orgueira Viqueira, artista que elaborou as cerámicas conmemorativas que recibiron as premiadas, todas as participantes no concurso obtiveron tamén un precioso recordo: un colgante co logotipo d concurso donado pola sú creadora.
Premios y detalles elaborados por Sabela Orgueira









E por último, sorteamos a mochila portabebés Manduca donada para a ocasión por Crianza Natural.

Foi unha tarde marabillosa onde puidemos aprender, compartir, charlar, intercambiar opinións, escoitar historias de lactacións...

Mentres tanto, os máis pequenos (e algúns papás) gozaron, acompañados por dúas educadoras, durante máis de tres horas de xogos e talleres na sala habilitada para iso xunto ao salón de actos do centro cívico onde se celebrou a xornada.
Sala de xogos para grandes e pequenos


Grazas a todos os relatores que participaron na xornada, a toda a xente que asistiu como público, a todas as que axudastes co voso traballo a organizar o evento, ás entidades e persoas que colaboraron subvencionando o proxecto asi como doando premios e regalos, e en especial, grazas a todas as nais que participastes no concurso de relatos compartindo con todos nós as vosas historias de lactación porque as vosas palabras foron a semente que deu lugar a todo o que veu despois.

viernes, 30 de septiembre de 2011

O LUCEIRO DO MEU CAMIÑO

Todo comeza hai aproximadamente tres anos, o meu marido máis eu desexabamos ser pais, e aconteceu o máis marabilloso que lle pode pasar a unha parella e en particular a unha muller, quedar embarazada, VALERIA nos elixiu para ser os seus papás. Desde que sentimos a súa chegada foi e é a nosa mestra,a  nosa guía, amor puro.
O embarazo foi unha vivencia marabillosa, na que as miñas emocións e os meus sentimentos se exaltaron como nunca antes o experimentara; tranquilidade, amor, confianza e felicidade, era o que Valeria me transmitía cada día que pasaba a doses máis altas.
Sen dúbida alguén moi especial me elixira para ser a súa mamá, non foi casualidade, con ela traía unha mensaxe, que aínda sigo descifrando, houberon momentos nos que me resultou difícil e doloroso comprender, pero as respostas a eses porqués van chegando e enriquecendo a miña persoa e a miña vida.
A necesidade de relaxarme, de cantar ao meu bebé, de ter silencios, de facer reflexións, de ler, foi algo que xurdiu do meu interior e o estímulo necesario para establecer a conexión co meu bebé, algo máxico que se afasta do raciocinio humano, e que tiven o don de sentir.
Expresei a Valeria como desexaba parir, recibila entre os meus brazos, como alimentala... e ela contestoume tan claramente, que non tiven dúbida de que desexaba o mesmo ca min; recordareino toda a miña vida, porque foi un dos momentos máis emocionantes que compartimos estando ela intraútero.
Todas estas vivencias, foron o punto de inflexión para que se iniciase un cambio na miña vida, e en min como persoa e como muller.
Durante o embarazo, imaxinábame e visualizaba o meu bebé mamando a teta, era algo que me facía moitísima ilusión, e en eses momentos nunca me formulei a posibilidade de que puidese xurdir algún problema coa lactación. Sentíame plenamente feliz.
O parto transcorreu como desexaramos os tres. Valeria empezou a reptar cara ao meu peito dereito, e non tardou en engancharse, foi unha sensación bonita e satisfactoria, pero sentía un pouco de dor, aparentemente agarraba ben a teta, pero aos 2-3 días xa se empezaron a visualizar gretas, cambiei a posición para aleitala, abría pouco a boca e sentía que me mordía ao mamar, foi duro e moi doloroso, pero nunca me formulei outra opción para alimentala. O apoio do meu marido foi un piar fundamental. Durante os dous primeiros meses as gretas non melloraron; Valeria mamaba moito polo día e sobre todo pola noite, que era cando peor se agarraba á teta, pero todo foi superado. A partir dos dous meses empezou a mellorar o agarre e as gretas empezaron a pecharse, era marabilloso, sentíame feliz, a miña nena mamaba xenial, gozaba dándolle teta, non sentía dor. Isto durou aproximadamente mes e medio, dun día para outro Valeria empezou a mancarme ao mamar, pero como podía ser? que acontecía entonces? a miña nena mamaba xenial e de pronto esqueceuse como tiña que mamar ben?.... Neste momento, empecei a indagar, porque había algo que non me acababa de encaixar, tiña unha cousa clara, e era que o problema non era físico, senón emocional, a solución tíñaa eu mesma, pero non me decatara ata que a miña nena me volveu avisar.... pero que me quería dicir? de que me tiña que dar conta?... Pasei uns días dándolle voltas á cabeza, e formulábame varias cousas que podían ser, pero que vai, todo seguía igual; dende que naceu Valeria, sempre falei moito con ela e agora máis, tíñame que axudar a encontrar a solución, era a única persoa que podía facelo, xa que viña do meu interior, e conectara coas miñas emocións máis primitivas, e outras vivencias vividas como traumáticas ou non, que eu polo motivo que fose relegara o inconsciente, pero que se facían presentes na miña forma de ser, de falar, de actuar, de relacionarme cos demais, etc...En todo este proceso de cambio, superación, crecemento e de dor física e emocional, fóronme de gran axuda os libros que lera durante o embarazo de Laura Gutman, e o acompañamento e apoio da miña parella e das miñas amigas; cheguei á conclusión de que debía ser paciente e escoitar ao meu bebé, ter momentos de paz e silencio e as respostas chegarían ao seu momento.
Dende logo así é, escríboo en presente, porque cada día vou encaixando mellor as pezas do crebacabezas e encontrando pouco a pouco as que faltan.
As gretas curáronse aproximadamente aos 6 meses, pero pasado o tempo decátome, que todo o acontecido foi necesario para que eu me coñecese a min mesma e tomase un camiño no que me sinto máis feliz e no que reina o amor.
A día de hoxe, a miña nena ten case dous anos e medio e continúa tomando teta, síntome orgullosa por iso, e así continuaremos ata que as dúas decidamos o contrario, espero que falte moito tempo...
Penso que o regalo máis prezado que nos puido dar a natureza, foi dotarnos con dúas tetas que ademais de alimentar aos nosos fillos, son fonte de amor, contacto, calor, pracer e consolo.

Lorena Rodríguez Mella

FLAVIA E A TETA


Ola mamás.
Son Patricia, unha mama novata de 37 anos.
Un bo dia, hai 14 meses decidín ser mama e chegou Flavia. Decidín que lle daría o peito e niso estamos.
Foi unha decisión persoal que sabía que sairía ben, pero non influenciada polos cursos preparto ou todas as recomendacións que encontras no transcurso do camiño.Foi unha desas decisións que na vida se toman e non sei se por sorte, insistencia, paciencia ou constancia chegan a bo termo.
A miña recomendación: márcate as túas regras, esquécete dos vinte minutos en cada peito, primeiro baleira un e logo o outro, etc. Cada persoa necesita o seu tempo para facer as súas cousas.
Proba todas as formas e maneiras que se che ocorran ate que encontres a que má se adapte a ti, non importa se non é a que che ensinaron ou a que á maioría lle funciona. Funciónache a ti e abonda.
Con isto non quero dicir que toda a información que poidas absorber antes e durante non sirva, pero cada un é diferente, como na vida, sabemos o que nos funciona mellor, así que non o dubides e adiante. Introdúceste no mundo das mamás, charlas, descobres que algunhas o intentan e non poden por infinidade de causas, que hai moito sangue, suor e lágrimas.
Así sénteste afortunada de que para ti todo sexa tan doado, a pesar desas noites levantándote cada catro horas, de ter a unha” gordi” colgada de ti horas e horas, caída de pelo, sono e sono.
Chegas ao mais importante, Flavia esta sa e feliz.
A satisfacción non chega sen esforzo, pero se necesitas axuda pídela, para iso están os profesionais e a xente que decide dedicar parte do seu tempo a compartilo contigo, pero recorda que a decisión final é sempre túa.
Así que goza da lactación, dos teus fillos, da vida.


Patricia Fernández Docampo

LUNS, 8 DA MAÑÁ


Luns, 8 da mañá, o ruído das gotas de chuvia golpeando a miña ventá fan que o meu cerebro empece a funcionar. Non durmín nada ben pero hoxe non teño que ir a ningún sitio! Beeeen!
Carlos xa marchou a traballar! Fantástico! Toda a cama para min soa.
Fóra vai frío. UMMMM! Que ben se está en cama quentiña! Vou durmir toda a mañá, non me penso mover da cama para nada.
Desconecto o meu cerebro. Morfeo, por favor, ven pronto, un momentiño máis, só un pouquiño máis por favor, un pouquiño máis, un pouquiño máis, un pouquiño máaaaaais.......
-¡Mamá, mamá, mami!
- Oh oh! perigo, perigo
- Mami, estás durmida? Xa é de día. Quero tetita
- Lúa duuurme, aínda é cedo
- Mami non teño sono, quero tetita, porfi
Lúa métese na miña cama e anícase ao meu lado, encántame sentir o seu pequeno corpiño ao lado do meu, xa pasou un ano e aínda boto de menos seguir durmindo con ela.
- Bos días mami! Tetita?
- Vaaale, ven, toma tetita
O meu corpo xírase automaticamente (leva facéndoo durante 3 anos, é todo un experto). As tetitas quedan á altura da súa boca, Lúa encárgase de todo.
- Mami encántanme as tetitas! Non as gardes nunca!
- Non cariño
- Mami, nunca eh?
- Non, meu amor. Nunca. Duuuurme
- Mami, un pouquiño máis, só un pouquiño máis
- Si cariño, un pouquiño máis
Luns 10 da mañá. Lúa dorme e eu ao seu lado, dou grazas por estas dous tetitas.
NON PENSO GARDALAS NUNCA!

Esperanza Docampo Rodríguez

UN CAMIÑO DE ROSAS CON ALGUNHA ESPIÑA AGOCHADA: A MIÑA LACTACIÓN MATERNA


Acariñaba o meu ventre, que non deixaba de medrar, e moitas veces preguntábame como sería aleitar. Que se sentiría? Gustaríame? E el… como reaccionaría, colleríase ben á teta? saberíamos entendernos, a nosa lactación iría ben?
Os libros dicían que si, que todas podemos dar peito, que os bebés nacen sabendo mamar. Que coa posición correcta todo iría ben. E decidín aferrarme a esas frases. A miña confianza medraba a medida que se achegaba o momento, era marabilloso sentirse así! Toda eu era vida e ilusión.
Unha madrugada de xoves santo, o meu bebé chegou por fin ós meus brazos. Fora un parto ben difícil, moi diferente do que eu imaxinaba ter. A separación inicial, durísima. Por iso, agora que por fin estaba sobre min, non quería perder máis tempo: ofrecinlle o peito, entre temerosa e ilusionada… e el enganchouse rapidísimo. E de seguida buscou a miña mirada. Eses olliños fixos nos meus, esa ansia de mamá e de mamar, esa manciña aferrada ó meu camisón… namoreime perdidamente.
Así comezou a máis fantástica, turbadora e intuitiva experiencia da miña vida.
Cando el mamaba, desaparecía o mundo. O tempo, o espazo quedaban lonxe da miña percepción, só estaba el, tan pequeniño e tan perfecto, nutríndose de min, concentrado na súa tetiña. Si, aí estabamos os dous, recollendo e recargando enerxía. De repente entendín o verdadeiro significado da lactación materna, que non tiña que ver con inmunoglobulinas… senón cunha sensación moi profunda que non sabía como chamar: amor, paz, harmonía…
En contra do esperado, as dificultades non tardaron en aparecer. Na volta ó meu fogar xa cheguei coas mamilas moi doridas. Pouco a pouco, aleitar foise volvendo doloroso. No fondo era feliz dándolle teta, dáballe o mellor de min… pero algo ía mal e eu cada vez sufría máis. Ademais o meu pequerrecho non se saciaba, os días e as noites transcorrían nunha toma eterna. E despois foron aparecendo outros problemas. Así sería durante moito tempo…
Agora que todo pasou podo chegar a analizalo, ver onde estaba o problema. Pero daquela vivía nunha especie de tormenta interior, na que non conseguía albiscar nunca a claridade.
Neses momentos apoieime totalmente no papá, que soubo darme confianza e contención, serenidade e alegría. Realmente envorcouse en corpo e alma para darme alento. Necesitaría doutro relato coma este para explicar todo o que iso significou para min.
E así, xuntos comezamos unha peregrinación: visitas, correos e chamadas aquí e alá, a esperanza posta en que alguén tiña que saber que era o que nos estaba sucedendo, e sobre todo como podíamos poñerlle solución.
Mentres tanto, facíalle caso a todos os consellos, e ía tirando día a día, coa esperanza posta en cada pequena melloría.
Moita xente opinaba que todo aquilo non valía a pena. Non os escoitei. Afasteime desa negatividade, e refuxieime no meu desexo e convencemento interior. De vez en cando recargaba enerxía conversando con mulleres que sentían coma min, que conseguiran o seu obxectivo dunha lactación feliz. Repetíame a min mesma que eu tamén sería unha delas.
A pesar dos momentos difíciles, a teta nunca perdeu o seu sentido de fonte de amor, consolo e nutrición en tódolos sentidos. Unha teta chea de afecto, adormecedora nas longas noites, curadora de desgustos e pupiñas, xoguete co que enredar, e suave almofada na que botar a mellor das sonecas.
Nunca imaxinara que chegaría a significar tanto para os dous… decateime de que quería que aquilo durase moito. Que só tiña que rematar cando el e mais eu o decidiramos.
Entre tanto, os meses pasaron e o crebacabezas comezou a coller forma. A base de observar, ler e aprender doutros casos, pouco a pouco fun entendendo de onde viñan todos os nosos problemas. As dificultades na lactación poden comezar xa no mesmo parto, e hai moitos condicionantes que inflúen no éxito. Algúns no bebé, algúns na mamá, pero tamén na conxunción de ambos.
Tivo que pasar tempo para conseguir a miña lactación desexada, plenamente feliz. Por fin a melloría definitiva chegou, para nunca marchar, e gocei plenamente dos nosos momentos máxicos.
Agora mesmo atópome nun momento moi doce. Desfruto dunha lactación feliz, xa considerada prolongada (aínda que non sei por que chamarlle así a algo natural que simplemente flúe, que nunca precisou de medidas de ningún tipo, tampouco temporais).
O meu bebé xa é un neno que anda, corre, salta, e de repente demanda a súa teta con cara de verdadeira ledicia. Ó rematar volve correr feliz a descubrir o mundo, sabedor de que cando o necesite a súa mamá, ela estará aí dándolle a tetiña con todo o seu amor.
Xa non estou sola, comparto a miña experiencia con moitas outras mulleres que están neste mesmo camiño, e volvo continuamente a reflectirme e a recargarme con cada unha delas. A lactación é cousa de dous, pero tamén algo marabilloso para compartir e vivir xuntas.
Grazas a todas as mulleres e familias que me acompañaron e acompañan neste apaixonante camiño de lactar. Grazas papá, por ser o puntal que necesitaba ó meu lado, por aprender comigo e nunca perder o bo humor. E grazas a ti, meu neno, por cada cariña de felicidade, por cada sorriso e olliños pícaros cando en calquera parte do mundo me pides… MAMÁ TETA!!

Noelia Prieto Gómez