viernes, 30 de septiembre de 2011

O LUCEIRO DO MEU CAMIÑO

Todo comeza hai aproximadamente tres anos, o meu marido máis eu desexabamos ser pais, e aconteceu o máis marabilloso que lle pode pasar a unha parella e en particular a unha muller, quedar embarazada, VALERIA nos elixiu para ser os seus papás. Desde que sentimos a súa chegada foi e é a nosa mestra,a  nosa guía, amor puro.
O embarazo foi unha vivencia marabillosa, na que as miñas emocións e os meus sentimentos se exaltaron como nunca antes o experimentara; tranquilidade, amor, confianza e felicidade, era o que Valeria me transmitía cada día que pasaba a doses máis altas.
Sen dúbida alguén moi especial me elixira para ser a súa mamá, non foi casualidade, con ela traía unha mensaxe, que aínda sigo descifrando, houberon momentos nos que me resultou difícil e doloroso comprender, pero as respostas a eses porqués van chegando e enriquecendo a miña persoa e a miña vida.
A necesidade de relaxarme, de cantar ao meu bebé, de ter silencios, de facer reflexións, de ler, foi algo que xurdiu do meu interior e o estímulo necesario para establecer a conexión co meu bebé, algo máxico que se afasta do raciocinio humano, e que tiven o don de sentir.
Expresei a Valeria como desexaba parir, recibila entre os meus brazos, como alimentala... e ela contestoume tan claramente, que non tiven dúbida de que desexaba o mesmo ca min; recordareino toda a miña vida, porque foi un dos momentos máis emocionantes que compartimos estando ela intraútero.
Todas estas vivencias, foron o punto de inflexión para que se iniciase un cambio na miña vida, e en min como persoa e como muller.
Durante o embarazo, imaxinábame e visualizaba o meu bebé mamando a teta, era algo que me facía moitísima ilusión, e en eses momentos nunca me formulei a posibilidade de que puidese xurdir algún problema coa lactación. Sentíame plenamente feliz.
O parto transcorreu como desexaramos os tres. Valeria empezou a reptar cara ao meu peito dereito, e non tardou en engancharse, foi unha sensación bonita e satisfactoria, pero sentía un pouco de dor, aparentemente agarraba ben a teta, pero aos 2-3 días xa se empezaron a visualizar gretas, cambiei a posición para aleitala, abría pouco a boca e sentía que me mordía ao mamar, foi duro e moi doloroso, pero nunca me formulei outra opción para alimentala. O apoio do meu marido foi un piar fundamental. Durante os dous primeiros meses as gretas non melloraron; Valeria mamaba moito polo día e sobre todo pola noite, que era cando peor se agarraba á teta, pero todo foi superado. A partir dos dous meses empezou a mellorar o agarre e as gretas empezaron a pecharse, era marabilloso, sentíame feliz, a miña nena mamaba xenial, gozaba dándolle teta, non sentía dor. Isto durou aproximadamente mes e medio, dun día para outro Valeria empezou a mancarme ao mamar, pero como podía ser? que acontecía entonces? a miña nena mamaba xenial e de pronto esqueceuse como tiña que mamar ben?.... Neste momento, empecei a indagar, porque había algo que non me acababa de encaixar, tiña unha cousa clara, e era que o problema non era físico, senón emocional, a solución tíñaa eu mesma, pero non me decatara ata que a miña nena me volveu avisar.... pero que me quería dicir? de que me tiña que dar conta?... Pasei uns días dándolle voltas á cabeza, e formulábame varias cousas que podían ser, pero que vai, todo seguía igual; dende que naceu Valeria, sempre falei moito con ela e agora máis, tíñame que axudar a encontrar a solución, era a única persoa que podía facelo, xa que viña do meu interior, e conectara coas miñas emocións máis primitivas, e outras vivencias vividas como traumáticas ou non, que eu polo motivo que fose relegara o inconsciente, pero que se facían presentes na miña forma de ser, de falar, de actuar, de relacionarme cos demais, etc...En todo este proceso de cambio, superación, crecemento e de dor física e emocional, fóronme de gran axuda os libros que lera durante o embarazo de Laura Gutman, e o acompañamento e apoio da miña parella e das miñas amigas; cheguei á conclusión de que debía ser paciente e escoitar ao meu bebé, ter momentos de paz e silencio e as respostas chegarían ao seu momento.
Dende logo así é, escríboo en presente, porque cada día vou encaixando mellor as pezas do crebacabezas e encontrando pouco a pouco as que faltan.
As gretas curáronse aproximadamente aos 6 meses, pero pasado o tempo decátome, que todo o acontecido foi necesario para que eu me coñecese a min mesma e tomase un camiño no que me sinto máis feliz e no que reina o amor.
A día de hoxe, a miña nena ten case dous anos e medio e continúa tomando teta, síntome orgullosa por iso, e así continuaremos ata que as dúas decidamos o contrario, espero que falte moito tempo...
Penso que o regalo máis prezado que nos puido dar a natureza, foi dotarnos con dúas tetas que ademais de alimentar aos nosos fillos, son fonte de amor, contacto, calor, pracer e consolo.

Lorena Rodríguez Mella

No hay comentarios:

Publicar un comentario