viernes, 30 de septiembre de 2011

UN CAMIÑO DE ROSAS CON ALGUNHA ESPIÑA AGOCHADA: A MIÑA LACTACIÓN MATERNA


Acariñaba o meu ventre, que non deixaba de medrar, e moitas veces preguntábame como sería aleitar. Que se sentiría? Gustaríame? E el… como reaccionaría, colleríase ben á teta? saberíamos entendernos, a nosa lactación iría ben?
Os libros dicían que si, que todas podemos dar peito, que os bebés nacen sabendo mamar. Que coa posición correcta todo iría ben. E decidín aferrarme a esas frases. A miña confianza medraba a medida que se achegaba o momento, era marabilloso sentirse así! Toda eu era vida e ilusión.
Unha madrugada de xoves santo, o meu bebé chegou por fin ós meus brazos. Fora un parto ben difícil, moi diferente do que eu imaxinaba ter. A separación inicial, durísima. Por iso, agora que por fin estaba sobre min, non quería perder máis tempo: ofrecinlle o peito, entre temerosa e ilusionada… e el enganchouse rapidísimo. E de seguida buscou a miña mirada. Eses olliños fixos nos meus, esa ansia de mamá e de mamar, esa manciña aferrada ó meu camisón… namoreime perdidamente.
Así comezou a máis fantástica, turbadora e intuitiva experiencia da miña vida.
Cando el mamaba, desaparecía o mundo. O tempo, o espazo quedaban lonxe da miña percepción, só estaba el, tan pequeniño e tan perfecto, nutríndose de min, concentrado na súa tetiña. Si, aí estabamos os dous, recollendo e recargando enerxía. De repente entendín o verdadeiro significado da lactación materna, que non tiña que ver con inmunoglobulinas… senón cunha sensación moi profunda que non sabía como chamar: amor, paz, harmonía…
En contra do esperado, as dificultades non tardaron en aparecer. Na volta ó meu fogar xa cheguei coas mamilas moi doridas. Pouco a pouco, aleitar foise volvendo doloroso. No fondo era feliz dándolle teta, dáballe o mellor de min… pero algo ía mal e eu cada vez sufría máis. Ademais o meu pequerrecho non se saciaba, os días e as noites transcorrían nunha toma eterna. E despois foron aparecendo outros problemas. Así sería durante moito tempo…
Agora que todo pasou podo chegar a analizalo, ver onde estaba o problema. Pero daquela vivía nunha especie de tormenta interior, na que non conseguía albiscar nunca a claridade.
Neses momentos apoieime totalmente no papá, que soubo darme confianza e contención, serenidade e alegría. Realmente envorcouse en corpo e alma para darme alento. Necesitaría doutro relato coma este para explicar todo o que iso significou para min.
E así, xuntos comezamos unha peregrinación: visitas, correos e chamadas aquí e alá, a esperanza posta en que alguén tiña que saber que era o que nos estaba sucedendo, e sobre todo como podíamos poñerlle solución.
Mentres tanto, facíalle caso a todos os consellos, e ía tirando día a día, coa esperanza posta en cada pequena melloría.
Moita xente opinaba que todo aquilo non valía a pena. Non os escoitei. Afasteime desa negatividade, e refuxieime no meu desexo e convencemento interior. De vez en cando recargaba enerxía conversando con mulleres que sentían coma min, que conseguiran o seu obxectivo dunha lactación feliz. Repetíame a min mesma que eu tamén sería unha delas.
A pesar dos momentos difíciles, a teta nunca perdeu o seu sentido de fonte de amor, consolo e nutrición en tódolos sentidos. Unha teta chea de afecto, adormecedora nas longas noites, curadora de desgustos e pupiñas, xoguete co que enredar, e suave almofada na que botar a mellor das sonecas.
Nunca imaxinara que chegaría a significar tanto para os dous… decateime de que quería que aquilo durase moito. Que só tiña que rematar cando el e mais eu o decidiramos.
Entre tanto, os meses pasaron e o crebacabezas comezou a coller forma. A base de observar, ler e aprender doutros casos, pouco a pouco fun entendendo de onde viñan todos os nosos problemas. As dificultades na lactación poden comezar xa no mesmo parto, e hai moitos condicionantes que inflúen no éxito. Algúns no bebé, algúns na mamá, pero tamén na conxunción de ambos.
Tivo que pasar tempo para conseguir a miña lactación desexada, plenamente feliz. Por fin a melloría definitiva chegou, para nunca marchar, e gocei plenamente dos nosos momentos máxicos.
Agora mesmo atópome nun momento moi doce. Desfruto dunha lactación feliz, xa considerada prolongada (aínda que non sei por que chamarlle así a algo natural que simplemente flúe, que nunca precisou de medidas de ningún tipo, tampouco temporais).
O meu bebé xa é un neno que anda, corre, salta, e de repente demanda a súa teta con cara de verdadeira ledicia. Ó rematar volve correr feliz a descubrir o mundo, sabedor de que cando o necesite a súa mamá, ela estará aí dándolle a tetiña con todo o seu amor.
Xa non estou sola, comparto a miña experiencia con moitas outras mulleres que están neste mesmo camiño, e volvo continuamente a reflectirme e a recargarme con cada unha delas. A lactación é cousa de dous, pero tamén algo marabilloso para compartir e vivir xuntas.
Grazas a todas as mulleres e familias que me acompañaron e acompañan neste apaixonante camiño de lactar. Grazas papá, por ser o puntal que necesitaba ó meu lado, por aprender comigo e nunca perder o bo humor. E grazas a ti, meu neno, por cada cariña de felicidade, por cada sorriso e olliños pícaros cando en calquera parte do mundo me pides… MAMÁ TETA!!

Noelia Prieto Gómez

No hay comentarios:

Publicar un comentario