viernes, 30 de septiembre de 2011

ARROLOS DE LEITE

Hóuboche unha vez un cativo cativiño, pequeno moi pequeniño que saíu do meu ventre cos olliños moi abertos. Fitábame moi esperto e escoitaba os seus primeiros cantos de berce, sentía as súas primeiras caricias, os seus primeiros olores e o calorciño da súa nai.
Aínda que estaba deitada sobre unha fría cama de hospital, era a muller máis afortunada do mundo pois tiña a felicidade nos meus brazos, un cativo cativiño que pouco a pouco descubría o corpo da súa nai na procura do seu peito.
Pasaron minutos, quizais para el un tempo moi longo ata que alcanzou a fonte do seu crecemento, da súa tranquilidade, do seu consolo, do seu alimento.
O principio custoulle mamar, pasabamos horas e horas na procura dunha boa posición para un bo comezo da lactancia, pero ao meu neniño custáballe traballo, por ese motivo, no hospital decidiron darlle un suplemento, aínda que realmente todo o que el precisaba era á súa nai.
Despois de moitos intentos falidos, ofrecéronme deixar a lactancia materna e optar por unha alimentación complementaria, pero o meu pequeno cos seus olliños dicíame que non desistira, que xuntos podiamos conseguilo.
Xa no calor do fogar a soas, o meu neno e máis eu compartimos moitas horas de contacto, de mimos e de calor xunto coa nosa teta, e así establecemos un vínculo moi forte entre os dous.
A lactancia consolidouse, o meu cativiño pedía teta sempre que o necesitaba, unha alimentación á demanda era o mellor para o seu crecemento.
O meu pequerrecho tamén sabía que a teta da súa nai tiña millóns de funcións!
Dáballe alimento cando o demandaba.
Dáballe consolo cando o precisaba.
Dáballe sosego cando saloucaba.
Dáballe seguridade cando se inquietaba.
Dáballe amor…
Pasaron os meses e o meu neniño aprendeu que non había alimento mellor que a teta da súa nai, non existía nada que a puidese igualar, aportáballe tanto ó seu pequeno universo que non precisaba de nada máis.
Mamá tamén aprendeu moitas cousas. Aprendeu que dende o intre en que o meu cativo veu ó mundo, podía levalo moi preto de min, cerca do meu corazón utilizando o porteo como base importante do pel con pel e aproveitando este ancestral medio de transporte para que non lle faltase o calor da súa nai nin o consolo da súa teta.
Os anos pasan e o meu pequeno segue a tomar teta: un pouquiño antes de durmir, un pouquiño despois das súas comidas, un pouquiño cando ten ganas de mimiños, un pouquiño cando precisa de min….
Aínda que xa sabe dicir teta, el chámalle “nena” como alcume cariñoso, dálle biquiños de vez en cando e moitas caricias, sorrí cada vez que a ve e mesmo en ocasións aplaude de felicidade ó contacto coa súa tetiña.
Xa levamos 32 meses de lactancia e o meu cativo cativiño segue pedindo Arrolos de Leite…

Eva Vanessa León Rubio

No hay comentarios:

Publicar un comentario