Asistín ás miñas clases de preparación ó parto coa intención de estar informada para cando chegara ese momento tan importante... e perdín a clase de aleitamento!
Eu dicía: “Se podo darlle o peito, dareillo e se non pois non pasa nada... biberón”.
Cando a miña filla naceu, en canto a collín no colo e a puxen ó peito, se prendeu e empezou a mamar... e durmía... e mamaba... e durmía... e mamaba. Ela sabía o que había que facer.
Un día vomitou un pouquiño e unha matrona díxome: que bo costro tes! mira que cor! Foi un subidón, unha seguridade... sentín que todo ía ben.
Tiña lido algún libro onde falaban algo de lactancia... cada toma cambiaba de postura: sentada, deitada, postura “de rugby”... e sen esquecer que apuntaba cada toma nunha libretiña... peito dereito 7 minutos 57 segundos... peito esquerdo 10 minutos 20 segundos... Para que? Quen había preguntar? Que podía facer con esta información?... Evidentemente o meu lado racional estaba apagado nese momento.... e parece que o da miña parella tamén que me axudaba a levar a conta das tomas! Canto apoio e amor incondicional neses momentos tan bos e tan malos!
Ós tres días… Horror!! Subiume o leite... Os meus peitos parecían dous balóns de fútbol... sentíame Yola Berrocal... Magoados, arrubiados, coa sensación de que ían estoupar e goteando leite, goteando todo o tempo... Invadíame unha gran tristura, sentíame soa, esgotada, descontrolada, humana... creo que máis humana do que nunca me sentira, e asustada, moi asustada. Tiña medo, terror, e a miña pequena alí mamando e mamando.
Ós poucos días, iso pasou... E empezaron as noites. Choros, choros e máis choros. E os peitos baleiros e medo outra vez... O meu leite non chega! Non valgo! Despois frases como: “A min pasoume, non valía o meu leite” que me facían chorar e chorar... Tamén unha man amiga, unha asesora de lactancia que me apoiou, doume confianza... e a partires de aí todo cambiou. Non máis medo, o meu leite chega e EU VALGO! SON NAI E CONFÍO EN MIN E NA MIÑA FILLA!
E naceu en min a Nai, fusioneime totalmente coa miña filla, entregueime á lactancia, ó contacto, ó amor e a partir de aí e durante dous anos vivín unha das experiencias máis marabillosas que me proporcionou a vida. O seu contacto, cando colle o pezón para mamar... Eses momentos de desesperación e esa calma ó empezar a mamar... Esas primeiras distraccións cando está na teta e non quere perderse nada… Eses lugares insólitos onde amamantar: piscina, parque, praia, coche, tren, avión... Esas noites enganchada ó peito, buscando o meu contacto... e eu o seu.
Grazas á lactancia establecín un vínculo coa miña filla que non vai desaparecer nunca... e sentín o amor fluíndo a través do leite, de min a ela e dela a min...
É unha experiencia primitiva e natural pero á vez mística e de conexión espiritual. É unha experiencia Amorosa e Vital e hai que vivila para entendela en toda a súa totalidade. Eu nunca a tería entendido antes de ter á miña filla no meu colo e alimentándose do meu ser a través do meu peito e do leite que brota del.
Cando volvín un pouco ó mundo real e comecei a traballar, saquei botes e botes de leite para poder darlle na miña ausencia. Pero nunca os tomou, non quería nada... autorregulábase e esperaba a que eu chegara, para alimentarse e para beber desa fonte inesgotable de amor.
O tempo foi pasando e outros alimentos foron alimentando tamén a Noa, e progresivamente, foise reducindo a toma de leite. Ós dous anos e medio ela decidiu, un día, que xa rematara e para min foi un proceso tamén de separación. Sentín tristura, sentinme baleira... pero por outro lado sentín que tiña que aceptar que pasabamos a outro momento e que ela estaba preparada completamente para dar ese paso. E que eu tiña que estar alí ó seu carón apoiándoa… e que seguiamos o camiño da vida, xuntas da man.
M.J.U.G.
No hay comentarios:
Publicar un comentario