Nos inicios do meu embarazo decidimos darlle o peito ó noso futuro bebé. Miña nai conseguiu darme tres meses de teta porque “quedou sen leite” ou “non lle chegaba o leite” (xa non me lembro cal das dúas famosas frases lle dixeron). A miña sogra conseguiu seis meses de lactancia materna. As miñas compañeiras de traballo teñen experiencias de todo tipo, unha delas contábame que quixo darlle a teta á súa meniña e a súa nai dicíalle que non tiña leite, que non podía darlle o peito e grazas a unha asociación de apoio á lactancia materna conseguiu o seu obxectivo. Eu non sabía que existía todo iso e pensaba no difícil que sería.
Cando estaba de poucas semanas recibín un paquete-agasallo moi especial, un libro dun tal Carlos González: “Un regalo para toda la vida”. Ós poucos días recibimos unha visita duns amigos que acababan de ser pais. Levaban ó seu bebé en fular e tomaba teta a demanda, nunca escoitara iso. Ensinámoslles o libro e recomendáronme lelo. Así empecei con aquela lectura que me fixo ver moitas cousas, aprender outras tantas e prepararnos para todo o que acontecería en breve.
Acercábase o momento, o noso peque estaba encaixado e nós preparados para recibilo. Estaba segurísima das miñas capacidades para dar a luz e darlle a teta. O día que Xacobe naceu tiven unha cesárea, algo que nin imaxinara. Adeus ao contacto pel con pel, a mamar ao nacer, a estar os tres sós facendo niño. Aínda así ao saír do quirófano díxenlle á matrona que quería darlle o peito e que, por favor, non lle deran biberóns. Subíronme a planta, chegou a hora de comer e, tal e como nos dixeran, avisamos ás enfermeiras; colocaron a Xacobe deitado fronte a min, el fixo o demais. Foi moi doado. Os días seguintes o seu pai colocábao e volta á faena. Todo tería sido perfecto de non ser polos “dez minutiños en cada peito”. Eu sabía que non era así, o seu pai sabía que non era así, pero aínda así fixemos caso.
Chegou a primeira visita ao pediatra. Xacobe perdera algo de peso (normal) pero non tiñamos referencias de se recuperaba ben porque non o pesaran ao saír do hospital. Así que receitáronme darlle teta moi frecuentemente (mínimo cada dúas horas) durante unha semana para ver coma evolucionaba e “nada de dez minutiños, ata que solte a teta e despois ofrécelle a outra”. Non descansabamos. Estabamos esgotados, mamaba máis dunha hora, entre eructar e cambio de cueiro, volta á teta. A recompensa dese pequeno esforzo chegou coa segunda visita ao pediatra, xa que recuperaba peso perfectamente; entón a pediatra díxonos “agora si, a demanda”. Así foi. Os avós preguntábanse como estaba comendo de novo se non pasaran as tres horas.
A Xacobe, “bico quente”, como o chama a miña avoa, gústalle estar na teta, gústalle durmirse na teta, calmarse na teta e encántanos velo feliz, buscando a teta, durmirse e separarse dela coa gota de leite caendo pola comisura dos beizos. Podemos pasar horas na habitación papá, mamá e Xacobe na teta. Calados, mirando a súa cara de satisfacción e felicidade. Ese si é o noso regalo para toda a vida.
Pero é que alimentar a Xacobe non é o único fin de dar a teta. Como contan moitos libros e nunca entendera ata agora, é ese vínculo especial que se crea entre a nai e o bebé. Se o meu neno chora, síntese mal, está asustado ou canso reláxase coa súa nai, co seu olor e a súa teta. Si, crea unha forte dependencia entre os dous, na que o pai pode sentirse fóra dese vínculo pero o meu parecer (e non me equivoco) é que se sinte orgulloso e satisfeito; da súa muller por alimentar, criar e coidar ao seu bebé, e do seu bebé por querer e necesitar tanto á súa nai.
E hoxe en día, coa lactancia establecida e oito meses despois, sigo levando os meus sustos e aprendo destes para poder axudar a outras persoas; ao igual que me axudan con dúbidas e consellos no grupo de crianza do que formo parte.
Patricia Montero Roca
No hay comentarios:
Publicar un comentario