viernes, 30 de septiembre de 2011

UN INICIO DIFÍCIL E UN FINAL FELIZ


Vaia sorpresa, estou embarazada! Que alegría a noticia, miña nai, e agora a preparar todo para o nacemento. Empezas a ler e ler todo sobre o embarazo, mirar revistas,  visitar tendas de bebés. Empezas a comprar e comprar, que se cueiros, cochiño, berce ou miniberce, sabas, xabón, roupiña, máis roupiña…
Paseime os 9 meses comprando e esperando a chegada do meu bebé. Ata que un día preguntáronme: E VASLLE DAR O PEITO? Pois non pensara en como ía alimentar ao meu bebé. Pero respondín: POIS SE PODO SI.
Ninguén da miña familia, nin do meu ámbito dera de mamar, así que ninguén me podía aconsellar e pouco sabía sobre este tema. Pero non era un tema que me preocupase, debía de ser doado, cada 3 horas posto ás tetas e xa está, pensei eu.
A matrona que tiven durante o embarazo non me informou nada sobre a lactación materna, deume un folleto para que mo lera na casa e xa está. Lino rapidamente pero ao cabo dos meses xa non me acordaba de nada.
Pero eu seguía comprando cousiñas: uns biberóns, un esterilizador, un quentabiberóns, leite artificial… tiña que telo todo por se ao final non podía darlle de mamar. Por suposto non comprei nin sacaleites, nin suxeitadores de lactación, nin discos absorventes… iso nin pensei en compralo e ao final tivo que ir o meu marido correndo a comprar todo isto despois de parir.
Por fin chegou o día do parto, un 24 de setembro do 2007, ás 17 horas naceu o meu pequeno. Un parto natural con epidural. Cando naceu ensináronmo e puxérono no seu berce ao meu lado. Alí quedou o pobriño unhas cantas horas, durmidiño, ata que nos subiron á habitación e por casualidade unha auxiliar preguntoume se xa mo puxera no peito. POIS NON, respondín. Que sabía eu ignorante de min se xa mo tiña que poñer co durmidiño que estaba. Dende ese momento comezou a nosa historia coa lactación.
No hospital estivemos moi ben, moi tranquilos (por non ser pola miña nai que se pasou os dous días mirándome os peitos e dicíndome que ela non vía leite). Mamaba e durmíase. Cando cheguei a casa a cousa complicouse, empezou a mamar máis, saíronme gretas nas mamilas, pedíame máis e máis ¡ESTABA TODO O DÍA ENGANCHADO Á TETA! Isto non pode ser normal, pensei eu. Eu miraba o reloxo e víase que non pasaban nin dúas horas, estaba unha hora mamando e cando o deixaba no seu berce, empezaba a chorar e quería mamar. Cando saiamos a pasear e se poñía a chorar, pois correndo cara a casa a darlle de mamar (miúda vergonza tiña de sacarme a teta na rúa). Apoio que tiña, ningún. Ninguén sabía se era normal darlle tanta teta. Oía comentarios de todos os tipos: que o meu leite non lle chegaba, que tiña que aguantar que se enchesen os meus peitos, que o meu leite era moi acuaso…, aínda que o meu fillo engordaba moi ben. Chamei a unha pediatra coñecida e díxome que non lle dera tanto de mamar, a súa teoría era 10 minutos en cada teta e despois biberón. O primeiro biberón que lle din tomoullo, pero o segundo vomitoullo e despois quería: MÁIS TETA. Isto non era como eu pensaba, algo estaba a facer mal.
A miña única solución, buscar por internet todo o que atopara sobre lactación materna. Ese mesmo día descubrín O MUNDO DA LACTACIÓN MATERNA.
Lin e lin, non podía parar de ler, comprei libros sobre lactación materna e descubrín que existían grupos e asociacións de apoio á lactación materna. Deixei os biberóns, dinme conta que tiña que dar lactación a demanda, sen mirar o reloxo, foi duro o primeiro mes, estaba moi cansa porque o meu fillo mamaba moito, pero foron pasando os días e todo mellorou. Ao tempo que crecía mamaba máis rápido, alongaba as súas tomas eu descansaba máis. Os meses foron pasando. Comecei ir a un grupo de apoio á lactación na miña cidade. Pasamos por dificultades pero solucionáronse pronto.
E así estivemos tres anos e medio de lactación ata que me volvín quedar embarazada. O meu fillo que xa só tomaba peito para durmir deixou un día de mamar porque dicía que o meu leite xa non lle gustaba.
Tres anos e medio de lactación, o que parecía que non ía durar nin un mes, ao final case fago un record.
Estes 3 anos recórdoos moi bonitos, descubrín que aleitar non é só alimentar, é darlle cariño, amor, menciña, e máis cousas que só as nais que alimentamos sabemos. O peor destes tres anos non foron os primeiros meses que foron esgotadores, senón que foron os últimos dous anos por culpa dos comentarios que moita xente che fai: “PERO AÍNDA LLE DAS PEITO?” E moi orgullosa estou de darlle peito.
Tivemos un destete natural, sen presións, nada traumático, o meu fillo quíxoo así. E agora como non me ven darlle o peito, xa ninguén me pregunta, pero cando vexo a algunha nai darlle peito ao seu bebé, sempre digo orgullosa: EU DINLLE PEITO AO MEU FILLO MÁIS DE TRES ANOS.
Por desgraza, o irmán que esperaba non chegou, pero estou segura que nun futuro non moi afastado empezaremos de novo con outra HISTORIA DE LACTACIÓN MATERNA.

                                                     Elisabet García Cortijo

No hay comentarios:

Publicar un comentario