viernes, 30 de septiembre de 2011

ORGULLO DE NAI


Teño tantas cousas boas que contar, que non sei por onde empezar, así que o farei polo principio.
Veño dunha cidade, onde o normal é a lactación materna. Non sorprende a ninguén estar nun parque, esperando o autobús ou no mesmo metro entre parada e parada e ver unha nai aleitando ao seu bebé. Así que cando decidimos ter o noso fillo, o tiña moi claro: ía ser criado a teta. Eu xa tiña 38 anos, co cal ninguén intentou persuadirme co típico de que "é moi cansado, non tes tempo para ti, etc, etc, etc,".
Os meus comezos non foron demasiado bos, todo o contrario. Cesárea, separación do bebé e unha escasa, moi escasa, axuda por parte do persoal sanitario. E, a miña nai, que había aleitado a seis fillos e a un sobriño, non podía estar preto de min. Foi a miña parella, a cal non tivera xamais a un neno nos brazos, o que con todo o seu amor de pai, mo puxo por primeira vez a mamar, como boamente puido e soubo.
Nunca esquecerei a nosa primeira visita ao pediatra. "Este bebé ten freniño, fimose (é un neno), unha pequena malformación na parte inferior da perna esquerda....", imos, todo un cromo, púxomo a pan pedir. Saín chorando da consulta, con todas as miñas hormonas revolucionadas e unha terrible dor abdominal pola miña cicatriz de mais de 30 puntos. Non se molestou en explicarme nada máis, nin eu me atrevín a preguntalo, non fóra a dicirme que o tirase o neno ao lixo por defectuoso. Díxome que era normal ter unhas super gretas que parecía que ían sangrar en calquera momento, como xa o fixeran no hospital e que viña arrastrando dende entón. Pero non me dixo que o freniño sublingual do neno podía interferir na lactación.
Por sorte, todo iso pasou e ben por ignorancia, ben por teimosía, seguín coa miña idea de aleitar.
Despois descubrín que a teta non só era alimento. Que tiña sono... TETA, que se facía "pupa"... TETA, que estaba nervioso por visitas pesadas... TETA. Como me dicían "Ti todo o solucionas coa TETA". Pois si, vale para todo.
E así foi como empezamos, e xa agora cos seus tres aniños a punto de cumprir, seguemos coa TETA.
Non vos aburrirei con detalles desagradables de frases e reproches cara á miña actitude por seguir aleitando ao meu fillo cando xa come pizza e bocadillos de chourizo, pero por sorte, teño unhas costas moi anchas para botalo todo para elas. Ademais, os interesados, que somos o meu fillo e mais eu, estamos de acordo e sempre tivemos o apoio incondicional da miña parella, sen o cal non tería sido posible, xa que polo freniño, pasabamos moitas horas colgados no peito, sen tempo para nada máis. Dende aquí, a miña pequena homenaxe para el e todos os que coma el, son o noso grande apoio, un piar fundamental para unha boa lactación.
Só me queda contarvos unha pequena historia que me aconteceu hai uns meses. Por cuestións de saúde, aconselláronme someterme a un tratamento hormonal. O primeiro que lle preguntei ao xinecólogo, era se o tratamento era compatible coa lactación. Díxome que non o sabía (que raro verdade?), púxenme a chorar como unha nena e, cando a miña parella me preguntou que por que, díxenlle que non estaba preparada emocionalmente para destetar. Prefería non empezar o tratamento mentres mamase o meu fillo.
Con este relato, creo que xa volo dixen todo, en especial o meu gozo cando o meu peque pídeme teta, xa que non é só el o que está tan a gusto no meu peito. Ademais, cando está na teta é unha das poucas veces que podo aproveitar para collelo no colo, xa que nunca lle gustou, e cada vez é mais independente.
Todo se leva moito mellor con apoio e cariño, por iso son tan importantes todas esas nais que, dende os seus respectivos grupos de apoio á lactación, nos axudan coas nosas dúbidas. Eu acudín ao meu grazas á "nova pediatra" que se incorporou aos poucos da miña maternidade. Por sorte, ela é nai de dous fillos aleitados ata os dous anos, pro-lactación materna e algo máis informada que a súa predecesora. Foi ela quen me animou a acudir a un grupo. Eu díxenlle que o coñecía, pero que polas miñas tetadas tan longas, non puidera asistir a ningunha reunión. Non rematara cunha e xa tiña que empezar coa seguinte mentres meu peque choraba a berro pelado e, como o grupo de apoio reuníase a 10 quilómetros, non me animaba a ir.
Por todas estas cousas, fíxenme asesora en lactación materna. Ademais, serviume para poñer o meu gran de area para axudar a outras nais e transmitir todo iso que se sente cando tes o teu bebé no peito, rodeándocho coas súas maniñas e mirándote coa súa cariña. Pero iso, é outra historia.
Como xa teredes lido, só falo de sentimentos. Preferín deixar os beneficios da lactación materna para quen o precise para convencerse de que é o mellor; eu non.
Espero tervos entretido un anaco.
Unha mamá moi orgullosa.

Montserrat Espindola Huertas

No hay comentarios:

Publicar un comentario