Hoxe o meu fillo pequeno cumpre 6 anos e hoxe hai un ano que nos destetamos.
Un longo camiño percorrido que empezou aínda moito antes...se cadra xa cando que eu mesma fun aleitada pola miña nai, e mais aínda dende que lin os primeiros contos onde se falaba da teta e saían unhas fermosas ilustracións que así sen decatarme, posiblemente marcaron o meu camiño para sempre.
Podo dicir sen temor a trabucarme que a lactancia cambiou a miña vida.
Lembro con nitidez a primeira toma do meu fillo maior, esa naturalidade coa que se prendeu ó peito e mamou sen máis, sen dor, sen incomodidades, tan sinxela e directamente, chegoume ó corazón.
Logo, veu a súa irmá e con ela o meu mundo empezou a medrar de verdade; comecei a aprender mais sobre a lactancia e sobre crianza. Todo cobrou un novo sentido para min...unha nova vocación tomaba forma na miña mente e nas miñas entrañas...
Cando o meu terceiro pequeno entrou na escena, xa tiña eu bastante claro que quería tratar con outras nais para axudalas no posible a vivir as súas lactancias tan ben como eu vivía as miñas.
Aínda non sabía daquela canto mais me ían aprender a min esas outras nais, e canto sairía eu gañando nestas entrañables relacións entre iguais, tan variadas como o é a propia humanidade.
O universo puxo no meu camiño a Bico de Leite, o meu benquerido grupo de lactancia, e xa nada tivo volta atrás.
Paso horas e horas lendo sobre lactación, falando con nais, ás veces con pais ou profesionais, mirando incansable a pantalla do ordenador e absorbendo como unha esponxa toda a información posible sobre o aparentemente inacabable tema da teta...
Que terá tanto que falar este asunto?
Que será tan apaixonante no simple feito de que unha muller alimente a un neno? O normal.
Non sei, se cadra hai cousas na vida tan interesantes; mais eu vexo nesto un compendio de todas as ciencias e as artes do mundo.
A lactancia é un percorrido pola embrioloxía e a anatomía, a xestación e o nacemento, a neonatoloxía, a pediatría, a xinecoloxía, a endocrinoloxía, a psicoloxía, a socioloxía e a historia.
A lactancia é unha función fisiolóxica, é un feito médico, é tamén un acto social, é unha maneira de relacionarse e mais é unha forma de autocoñecemento.
Aleitar é nutrir o corpo mais é un acto de amor. A teta é a poesía e a ciencia a un tempo.
Pouco mais se lle pode pedir … Ou non?
Hai poucas semanas que me presentei a un exame de certificación internacional como consultora de lactancia... Que vos parece? isto da teta tamén é unha profesión!
Hoxe, que vai un ano da derradeira toma do meu último fillo, a lactancia para min segue sendo un camiño cheo de futuro...
Porque dar a teta é só o principio do principio, pouco hai mais marabilloso que (como os bebés) ter aínda toda a vida por diante.
Patricia López Izquierdo
No hay comentarios:
Publicar un comentario