24/8/2011 Cesuras, A Coruña
Ola Mari:
Canto me alegrei cando souben que agardas un neno.
Tiña tantas ganas de verte, tantas cousas que contarte, pero por teléfono non puiden falar moito.
Sei que o principio foi duro, imaxino que estarás aínda coa cabeza toleando. Tes que estar tranquila. É unha experiencia fermosa.
Estiven dándolle voltas e decidín enviarche este libro. É o mellor agasallo que vos podo facer. “Un Regalo para toda la Vida” de Carlos González. Regaloumo unha amiga cando estaba gravida e agora agardo que che sirva como me serviu a min e a Xavi. Neste libro podes atopar información veraz sobre a lactancia. É unha ferramenta que de seguro te vai a axudar.
Eu busquei tamén consello nunha asociación de apoio á lactancia materna. Alí atopei nais ben formadas que me axudaron a resolver dúbidas e a rexeitar falsas crenzas. Non hai moitos lugares onde poidas ir cun pequerrecho, pero alí atopei de feito un lugar onde era plenamente aceptada xunto con Maio. Hai moito amor nesas xuntanzas.
O final o Maio naceu no Hospital do Salnés. Quixemos un parto o máis natural posible, e alí foi onde o conseguimos. Lembro case cada día aqueles intres doces, para sempre no meu corazón e na miña alma. Non teño palabras para explicar o que sentín cando vin a Maio por primeira vez. Ti poderás dicirme pronto o que se sinte cando teñas a nena nos brazos.
Sei que Vicente será un apoio para ti. Tedes un traballo moi importante por diante.
Sen axuda de Xavi as cousas non terían sido tan fáciles para min, incluso na lactancia a súa presenza foi fundamental. Non se me esquece cando el bicaba os meus peitos mentres Maio mamaba como bendicindo o alimento que ia tomar o seu fillo.
Todo supuxo un cambio moi grande para os dous. Sempre escoitara iso de que “….te va a cambiar la vida…”, pero nunca pensei que o cambio fose unha revolución interna. A gravidez, o parto, o pequerrechiño afrontándome co meu propio nacemento, coa miña crianza. Non che negarei que pasei por momentos de tristeza e de moita soidade. Supoño que ti estando en Londres, tan lonxe da casa, tamén os vivirás, pero entendo agora que foi preciso porque a maternidade e a lactancia te afastan temporalmente do mundo tal e como o concibías, pero te achegan a túa propia esencia, os olores da infancia. Enfróntante coa verdade en maiúsculas, coa VIDA, e mantéñente apegada ao teu cachorro mentres mama, e cando pon a súa manciña no medio do peito e ahí xusto nese intre… a unión, o pracer, a ledicia… o amor máis profundo…
Moitos bicos e moita forza.
e que como me dixo Checha o día do parto:
“Mariquiña : Somos mulleres e Galegas”.
Quérote: Sabela
Sabela Orgueira Viqueira
No hay comentarios:
Publicar un comentario