viernes, 30 de septiembre de 2011

CARACOL (2º PREMIO)

A S.
“Daríache unha montaña de tempo a cambio dunha pequena dose das túas babas”


Bebé viva, volcán violento. Busca, berra, vocifera. Vaaaaaaaaaiiiiiiiiiiiiiii.
Ben axiña balsa leve, suave, malva. Vooooooolveeeeeeeee.
-Enróscate, caracol, que eu fago co meu corpo a túa casiña e en aros concéntricos tecemos a vida, vale?
Espiral, remuíño de respiración.
-Eu son ti e ti, espello rebelde, espello cóncavo e convexo, vés como unha astronauta do alén  e amárraste a este novo cordón umbilical:
Un beixo do bico do peito ao bico da boca.
Roza cos dedos apenas quentes a pel sensíbel, branca. Abrázase. Bebe de vagar.
-Envolta sobre o meu embigo abárcote como unha cobra.  O brazo aberto baixo o cabezal é o cabo que boto para que sorbas do universo. No centro da espiral, o xermolo.  Arredor del, a planta vella a ceder a seiva.  Eu, berce. Ti, semente de primavera tenteando o ar no que medras.
Revólvese. Danza miúda. Tras-trás.
-Acoplámonos perfectamente. Outra vez como cando eramos unha. Ves? Sen sentir a penas que te alimento e que te arrolo coas vísceras e cos latexos do corazón. Automaticamente e sen pensar. Forma parte dos actos reflexos. Tan preto estamos unha da outra aínda?
Sepárase, mira.
-Véxote sempre desenfocada, grande. Adoro cando, nun toque de rebeldía, te soltas, alongas os dedos como medindo distancias e me sorrís con eses dentiños de estrea. Disme así: “Olla, solteime da nave nodriza e aventúrome”. Mais axiña has voltar rebozarte na calor que irradio...
A nena é un caracol que moi timidamente vai saíndo da cuncha para ver o sol. Nun día asoma un milímetro de tentáculo. Nun mes deixa a pegada dun microgramo de baba. E a casa sempre é o punto de partida e de fin para cada expedición. Sen a cuncha, o caracol abrasaríase. Quedaría cego con tanto sol. A casa non ten portas nin paredes, non prende. Dentro sempre hai comida, sempre hai refuxio. Na cuncha deste caracol está o hospital que cura a Dor, a cociña de garda que sacia a Fame, o antídoto para a Tristura, o leito para o Sono,  a pel para a Soidade, o arnés para os Medos, a luz para as caídas, un fogar para cada regreso.
-Enróscate, caracol. Reposta e descansa. O mundo é demasiado inmenso para o noso ritmo.

Cristina Cubeiro Becerra

1 comentario:

  1. Noraboa, Cris, o texto é precioso. Encantoume. Concha (de Mámoa)

    ResponderEliminar