viernes, 30 de septiembre de 2011

EU ALEITEI Ó MEU FILLO



Eu aleitei ó meu fillo a pesar de que a tocóloga que me asistiu no parto practicou unha episiotomía desmesurada da que tardei meses en recuperarme, a pesar de que se me negou o dereito a poder aleitalo nos primeiros minutos de vida porque ó cortarlle o cordón umbilical xusto ó nacer o bebé entrou en parada e tiveron que levalo de urxencia, a pesar de que estivo 48 en observación de neonatos e as visitas nesa zona do hospital están restrinxidas a poucas horas ó día e durante ese tempo déronlle biberón de leite artificial e chupete, a pesar de toda a xente que dicía que o leite dos meus peitos pequenos non chegaría para cubri-las necesidades alimenticias do bebé, a pesar de toda a xente que dicía que non tiña suficiente leite xa que non podía ser normal que o neno quixese mamar tan a miúdo, a pesar dunha sociedade que non ve con bos ollos o coleito, pero que a min me permitiu aleitar de noite mesmo sen espertar, a pesar de ter que empezar a traballar cando o bebé só tiña 4 meses, a partires deste momento o bebé alimentouse do meu leite extraído o día anterior tomado en biberón polas mañás, e o resto do día mantiven a lactación a demanda, a pesar de toda a xente que me dicía a partires dos doce meses que xa era un neno moi maior para estar tomando teta e que logo non ía ser capaz de destetalo. Eu aleitei ó meu fillo “a pesar de”.
Eu aleitei ó meu fillo grazas a unha matrona comprensible e paciente cuns pais primeirizos, que nos soubo aconsellar en todo o embarazo e que respectou as nosas decisións, que nos recomendou bos libros sobre lactación e coidado infantil que nos serviron de guía e que me deu tódolos coidados durante un puerperio difícil.
Eu aleitei ó meu fillo grazas ó meu home, que se interesou sempre por coñecer máis sobre a lactación e o coidado infantil, que me apoiou e animou a estende-la lactación o máximo posible e que compartiu leito co noso fillo dende o primeiro día que chegou á nosa casa.
Eu aleitei ó meu fillo grazas ás Asociacións de Apoio á Lactación ás que acudín pedindo consello nas miñas primeiras dúbidas no momento da subida do leite, e que organizan conferencias e charlas tan proveitosas.
Eu aleitei ó meu fillo 6 meses exclusivos de leite materno e ata os 23 meses como complemento ó resto dos alimentos.
A pesar dunhas cousas e grazas a outras, teño un boísimo recordo da lactación e teño un neno de 29 meses san e feliz. Se algún día teño outro fillo non teño ningunha dúbida de que o aleitarei tamén, e espero facelo por máis tempo que co primeiro.
Espero que a miña experiencia anime a outras nais con dúbidas a aleita-los seus fillos.
Amalia Tajes Lariño

No hay comentarios:

Publicar un comentario